Carriola.Redacción.12.05.26
O CCA Estrela de Marín activa a campaña “Comercio e Letras” para seguir achegando o comercio local á cidadanía e á mocidade, unha iniciativa que arrancou onte coa apertura do rexistro de tickets na web Comercio de Marín e dará continuidade á actividade de gamificación desenvolvida a semana pasada con alumnado do IES Chan do Monte e estudantes Erasmus de Pescara

Jonathan Carreira
O Centro Comercial Aberto Estrela de Marín pon en marcha unha nova acción da campaña “Comercio e Letras”, unha iniciativa de dinamización comercial que busca unir comercio local, cultura, lingua galega e participación cidadá, reforzando o papel dos establecementos de proximidade como espazos vivos, próximos e fundamentais na vida da vila.
A campaña, que conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, permitirá ás persoas consumidoras rexistrar os seus tickets de compra na web Comercio de Marín entre o 11 e o 18 de maio. Entre todas as persoas participantes sortearase unha tarxeta regalo de 50 euros, que deberá ser empregada nos establecementos participantes, contribuíndo así a incentivar o consumo no comercio local.
Esta acción dá continuidade á actividade de gamificación comercial desenvolvida a semana pasada co alumnado do módulo de Dinamización do Punto de Venda do Ciclo Medio de Actividades Comerciais do IES Chan do Monte de Marín, na que tamén participou alumnado Erasmus do Instituto Tecnico Statale “Aterno-Manthoné” de Pescara, Italia.

Na actividade participaron 16 alumnas e alumnos e 3 docentes do centro marinense, xunto con 4 estudantes e 2 profesores procedentes de Italia, que puideron coñecer de primeira man o tecido comercial de Marín a través dunha experiencia práctica en contorna real.
A proposta permitiu ao alumnado aplicar técnicas de dinamización comercial, observar estratexias de venda e atención ao cliente, fomentar a comunicación nun contexto profesional e promover o intercambio cultural e o traballo colaborativo. Ao mesmo tempo, serviu para presentar o comercio local como un espazo de aprendizaxe, innovación, proximidade e identidade.
Achegar o comercio local a o público novo
O CCA Estrela de Marín estima que “Comercio e Letras” forma parte dunha estratexia máis ampla para achegar as bondades do comercio local a un público máis novo, facendo que as novas xeracións coñezan o valor económico, social e humano dos establecementos de proximidade e, neste sentido, a entidade considera fundamental que a mocidade vexa o comercio local non só como un lugar de compra, senón tamén como un espazo de relación, creatividade, profesionalidade e oportunidade. A combinación de accións formativas, experiencias gamificadas e campañas participativas permite reforzar esa conexión entre comercio, educación e cidadanía.
A campaña “Comercio e Letras” enmárcase ademais na celebración das Letras Galegas, incorporando a dimensión cultural e lingüística á dinamización comercial. Deste xeito, o CCA Estrela de Marín continúa apostando por iniciativas que poñen en valor a identidade local, a lingua galega e o comercio de proximidade como elementos esenciais para construír unha vila máis activa, participativa e cohesionada.
Participación na campaña
As persoas que realicen compras nos establecementos participantes poderán rexistrar os seus tickets na web Comercio de Marín do 11 ao 18 de maio. Finalizado o prazo de participación, realizarase o sorteo dunha tarxeta regalo de 50 euros entre todos os tickets correctamente rexistrados.
Con esta nova acción, Estrela de Marín anima á veciñanza a mercar no comercio local e a participar nunha campaña que une consumo responsable, cultura, mocidade e dinamización económica.
(*) Yonathan Carreira Figueira, Director Xerente Centro Comercial Aberto Estrela de Marín