Carriola.Tino Iglesias (*).27.05.26
É inxustificable que o Consello Escolar Municipal leve máis de tres anos sen convocarse e desde o BNG levamos reclamando esta convocatoria desde xullo de 2025 sen que, o Concello, nin sequera consultase ás ANPAS nin aos centros educativos sobre os asuntos a incluír na orde do día
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicitou, no último pleno municipal a convocatoria do Consello Escolar Municipal (CEM), un órgano fundamental de participación democrática da comunidade educativa a nivel local que, segundo denunciou esta formación nacionalista, leva sen reunirse desde abril de 2022.
A resposta do goberno local foi que están “á espera de que se presenten algúns puntos que lle dean contido” ao Consello Escolar e que, de non ser así, valorarían convocalo xa o vindeiro ano escolar, unha explicación que o BNG considera insuficiente e mostra da falta de interese do executivo municipal pola participación educativa.
Esta petición do BNG xa ten percorrido político, xa que en xullo de 2025 presentouse unha moción solicitando a reactivación dos Consellos Escolares Municipais, tal e como recolle a ordenanza municipal, iniciativa que foi aprobada polo pleno da corporación e estamos chegando ao final do curso escolar e, malia existir un acordo plenario, o goberno local segue sen cumprir.
Desde a nosa formación lembramos que esta cuestión foi reiteradamente formulada nas comisións informativas desde novembro de 2025. Na do pasado mes de abril, a concelleira nacionalista Celia García preguntou novamente por esta situación e a resposta evidenciou que o Concello nin sequera trasladara ás ANPAS nin aos centros educativos a posibilidade de propoñer asuntos para incluír na orde do día.
É inxustificable que o CEM leve máis de tres anos sen convocarse e o goberno local non pode seguir ignorando as necesidades dos centros educativos públicos nin da comunidade escolar da vila e, por todo isto, o BNG insiste en preguntar cando pensa realmente o goberno municipal convocar o Consello Escolar Municipal e reclama a recuperación deste órgano como ferramenta útil de participación, coordinación e defensa do ensino público en Marín.
* Tino García Iglesias é Concelleiro do Grupo Municipal do BNG.Carriola.Tino Iglesias (*).27.05.26