Carriola.GALP.27.05.26
Baixo o lema «Alimentos do Mar, alimentos de Vida», o proxecto Pesca Saúde, impulsado polo GALP xunto con outros Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia, instala puntos de información móbiles en Marín, Portonovo e Bueu para amosar os beneficios dos produtos do mar na saúde e coñecer as súas propiedades nutricionais.
Durnte a campaña frecense tamén degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha “foodbike” repartindo, ademais, guías de propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, así como vales desconto para consumir nos establecementos adheridos á campaña.
Onte no Cenro de Saúde de Marín
Os eventos celebraranse no exterior dos centros de saúde, en horario de 11 a 13 h, e o de Marín foi onte o primeiro da serie xa que hoxe mércores 27 será en Portonovo, e o xoves 28 en Bueu, actividades completaranse, no mes de xuño, cunhas Xornadas Técnica nas que o cardiólogo Jesús Antonio Casabiell Pintos expoñerá os beneficios do consumo de produto pesqueiro dende a súa especialidade médica.
Vales de desconto para mercar produto do mar.

En Pesca Saúde, as peixerías terán tamén un papel protagonista. Os puntos de venda adheridos á campaña aceptarán os vales de desconto de 5€, aplicables directamente na compra, que se reparten entre a poboación nestes eventos.
Ademais, todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60€ ou máis ata o 30 de xuño (poden acumularse varias compras), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría. As peixerías participantes estarán identificadas co distintivo oficial da campaña.
Os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde
O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. Por iso, promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica.
A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.
O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo.
Próximas actividades: Restauración e obradoiros

O seguinte obxectivo do proxecto será o sector da hostalaría, outro dos puntos onde se quere promover a escolla de produto do mar de proximidade. Con este sector traballarase no deseño de menús saudables adaptados a cada restaurante, baseándose sempre en produtos pesqueiros locais e de tempada.
Tamén neste ano, terán lugar os obradoiros de ‘Batchcooking’. O Batchcooking é unha forma de organizar a cociña da semana consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Estes obradoiros acompañaranse da publicación dun receitario, que tamén estará dispoñible na web do proxecto.
Que é Pesca Saúde?
Pesca Saúde promove o produto de proximidade, destacando o seu valor nutricional e o seu papel nun modelo alimentario sostible. O proxecto nace para dar unha resposta positiva ao descenso no consumo de peixe fresco nas últimas décadas e ao aumento de produtos ultraprocesados, unha tendencia vinculada ao incremento de enfermidades cardiovasculares e metabólicas.
Na iniciativa, financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, participan 7 GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible. O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.