Carriola.Dep.Prov.28.05.26
“O noso tecido asociativo veciñal é fundamental para manter vivos os pobos, dinamizar a vida social e fortalecer a convivencia, e por iso queremos apoiar con feitos o enorme traballo que realizan día a día”, asegurou o presidente da Deputación de Pontevedra Luis López matizando que “As entidades beneficiarias recibirán ata 1.000 euros para adquirir bens que lles permitan organizar actividades e prestar diferentes tipos de servizos”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a posta en marcha dunha nova liña de axudas, dotada con 200.000 euros para que asociacións de veciños e de mulleres rurais poidan adquirir bens para organizar actividades e prestar diferentes tipos de servizos.
Segundo detallou o presidente provincial, esta nova liña axudará a financiar obradoiros ou accións formativas que promovan a aprendizaxe práctica e a adquisición de coñecementos de interese social e comunitario, actividades de promoción da saúde ou do benestar nas que se fomenten hábitos de vida saudables e o benestar físico e emocional, cursos de primeiros auxilios e riscos domésticos, actuacións de sensibilización ou dinamización comunitaria en materia de igualdade, medio ambiente, participación cidadá ou memoria colectiva, e actividades interxeracionais. Todas deben ser abertas á participación da veciñanza, desenvolverse na provincia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026 e ter carácter social, participativo, cultural ou de dinamización comunitaria
Estructura da convocatoria
A nova convocatoria estrutúrase en dúas liñas de financiamento. A primeira estará destinada á adquisición de bens funxibles e material necesario para o desenvolvemento das actividades, mentres que a segunda permitirá financiar servizos externos vinculados á organización e execución dos eventos, como honorarios de profesionais, servizos técnicos ou alugueiro de espazos e equipamento. O importe máximo das axudas será de 1.000 euros por solicitude.