Carriola.Redacción.29.05.26
A Deputación de Pontevedra pon en marcha hoxe venres 29 de maio, ás 20:00 horas, no auditorio municipal de Marín unha nova actividade do programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade acción que leva o título de “Territorios literarios: Marín nas novelas de Arantza Portabales” na que participará a propia autora acompañada da actriz

Mayka Braña. A entrada será libre ata completar o aforo.
Na xornada Portabales presentará a súa nova novela, “Asasinato no muíño do cura”, a segunda entrega da triloxía “Os crimes de Loeiro”, na que os espazos reais do Concello de Marín e de Galicia teñen moito protagonismo. A escritora, con milleiros de lectoras e lectores galegos e de fóra de Galicia, consigue poñer no mapa o territorio pontevedrés e galego grazas ás súas palabras. Ademais, adoita converter as mulleres en grandes protagonistas da súa obra. Neste encontro especial de Mulleres de Palabra(s), que acolle este venres o novo auditorio municipal de Marín, as protagonistas das novelas de Portabales cobrarán voz e vida en directo.
Segunda edición de “Mulleres de Palabra(S)
Mulleres de Palabra(s) é unha programación do Ateneo Provincial pola Igualdade da Deputación de Pontevedra que chega neste 2026 á súa segunda edición e na que as protagonistas son as escritoras e as palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero. Así, o programa está a reivindicar a palabra das escritoras do pasado e de escritoras actuais da nosa provincia a través de conversas, lecturas, recitais e obradoiros. Como novidade, ademais, nesta edición lanzouse unha biblioteca ambulante a disposición dos centros escolares da provincia.