Carriola. Redacción. 04.06.2026
julio@carriola.es
O Cineclub Marín, impulsado pola Asociación Marín de Cine, celebrará os próximos 18 e 19 de xuño un novo ciclo cinematográfico dedicado ao director vigués Álvaro Gago, unha das voces máis recoñecidas do Novo Cinema Galego. A proposta estará centrada no universo narrativo da súa aclamada longametraxe Matria e na evolución das personaxes femininas que protagonizan a súa filmografía.
A iniciativa dará continuidade á programación iniciada o pasado mes de maio co ciclo dedicado a Chano Piñeiro, consolidando a aposta da entidade por achegar ao público marinense proxeccións, análises e coloquios arredor do cinema galego contemporáneo. O programa contará coa presenza do propio Álvaro Gago na xornada do xoves 18 de xuño. O cineasta participará nunha charla-coloquio aberta ao público, seguindo o formato empregado na anterior actividade organizada polo Cineclub Marín, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man o proceso creativo e as claves da súa obra.
A programación xirará arredor da proxección da longametraxe Matria e da posterior revisión da curtametraxe homónima que deu orixe ao proxecto. O obxectivo é que o público poida analizar o diálogo existente entre ambas as dúas pezas e comprender a evolución cinematográfica dunha historia que pon o foco na realidade das mulleres traballadoras galegas e na carga emocional e laboral que afrontan no seu día a día.
A asistencia ás sesións será gratuíta ata completar aforo. Marín de Cine traballa actualmente co Concello de Marín para concretar as localizacións definitivas do ciclo e estuda a posibilidade de que, polo menos unha das sesións, se celebre no novo Auditorio Municipal de Marín. A confirmación oficial dos espazos darase a coñecer nos próximos días. Este ciclo será ademais a última actividade do Cineclub Marín antes da pausa estival. A programación regular retomará a súa actividade no mes de outubro. Paralelamente, a asociación continuará desenvolvendo durante os próximos meses a iniciativa PEQUE CINE, un proxecto centrado na educación audiovisual e na creación cinematográfica dirixido ao público infantil e xuvenil. Tanto os detalles desta proposta como a programación completa do ciclo dedicado a Álvaro Gago serán presentados nas vindeiras semanas.
Álvaro Gago, unha referencia do cinema galego actual
Nado en Vigo, Álvaro Gago converteuse nun dos directores galegos con maior proxección internacional dos últimos anos. A súa curtametraxe Matria acadou numerosos recoñecementos en festivais nacionais e internacionais, converténdose posteriormente nunha longametraxe estreada con éxito en salas comerciais. A súa obra destaca pola mirada realista sobre a sociedade galega e pola construción de personaxes femininas de gran forza narrativa e emocional.