Carriola.Av.MP.08.06.26
A Asociación de Veciños Monte Penizas, grazas á subvención concedida por ENCE a través do seu Plan Social 2026, vén de desenvolver dous proxectos destinados á mellora ambiental e ao fortalecemento do tecido asociativo da parroquia.
Por unha banda, realizouse unha plantación de 150 castiñeiros nunha hectárea de monte afectada polo incendio do verán de 2025, concretamente na zona máis próxima ás vivendas. O obxectivo desta actuación é crear unha franxa de especies frondosas autóctonas que contribúa á recuperación do monte e sirva tamén como barreira natural fronte a posibles incendios futuros.

Por outra, procedeuse á mellora do equipamento da oficina da Asociación de Veciños Monte Penizas, situada na Casa de Cultura de San Xulián, espazo cedido pola Comunidade de Montes ás asociacións veciñais que non dispoñen dunha sede social propia.
Esta actuación consistiu na dotación de novo mobiliario e material informático, composto por mesa de reunións, mesa de despacho, ordenador con impresora e unha Smart TV destinada á realización de presentacións, reunións e actividades da asociación.
Agradecemento
Desde a Asociación de Veciños Monte Penizas queremos agradecer públicamente a colaboración e apoio prestado por ENCE, tanto neste Plan Social 2026 como nos anteriores, que permitiron desenvolver diferentes iniciativas en beneficio da nosa contorna e dos veciños.
Agardamos poder seguir contando coa súa colaboración no futuro para continuar impulsando novos proxectos que contribúan á mellora do noso monte, da nosa parroquia e da calidade de vida dos veciños.