Carriola.Dep.Prv.10.06.26
As visitas son gratuítas, para grupos de entre 2 e 30 persoas, e terán lugar os martes, xoves e sábados cunha duración aproximada de dúas horas
A Deputación de Pontevedra acaba de reactivar o seu programa de visitas guiadas á Estación Fitopatolóxica Areeiro, despois da grande acollida desta iniciativa durante a súa convocatoria 2025-2026. Deste xeito, estas instalacións ábrense unha vez máis ao público co fin de que a cidadanía coñeza tanto o traballo que se está a facer nas mesmas como os seus xardíns. Nas súas preto de seis hectáreas de superficie, conta con plantacións piloto de froiteiras, a colección de camelias da Deputación (con máis de mil exemplares), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese.
As visitas son gratuítas e están abertas a grupos de entre 2 e 30 persoas. As persoas encargadas de realizalas son guías habilitadas co título de guía turístico de Galicia e realizaranse os martes e xoves de 9:00 a 14:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. Unicamente se poderá realizar unha visita por persoa ou grupo ao ano e pódense solicitar desde este momento cubrindo o formulario dispoñible na páxina web da Estación Fitopatolóxica Areeiro, cunha antelación mínima de dous días naturais. No caso de que participen menores, deberán estar acompañados dunha persoa adulta (nai, pai ou titora) e contar coa autorización asinada no caso de que se trate dunha visita escolar.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro é un centro de referencia cun alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao seu labor no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia, e tamén na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. O centro conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos.