Carriola.CdR.RdM..17.06.26
O encoro ourensán de Castrelo de Miño converteuse este fin de semana no epicentro do remo autonómico coa celebración do Campionato Galego de Remo Olímpico Xunta de Galicia para as categorías cadete, xuvenil e sub-23. Nunha xornada marcada polo alto nivel competitivo e o esixente esforzo físico dos deportistas, os remeiros do Club de Remo Ría de Marín asinaron unha actuación sobresaínte que confirma o gran momento de forma da entidade.
Os representantes marinenses amosaron o seu gran potencial técnico nas augas do Parque Náutico de Galicia, pechando unha xornada de regatas moi positiva de cara ás vindeiras citas nacionais. A canteira do Ría de Marín volveu demostrar por que está considerada como unha das estruturas xuvenís máis potentes do remo galego, competindo de ti a ti contra as mellores tripulacións da comunidade autónoma nun campo de regatas moi esixente. Os resultados foron:
Ouro- Campións Galegos:

Masculino sub-23 4x: Anxo Blanco, Breogán Fariña, Xián gutiérrez e Xairo Rivadulla

Feminino sub-23 2-: Niobe Barreiro, Saioa Iglesias
Prata- subcampións galegos:

Masculino cadete 4x: Alejandro Estebanez, Breogán Gutiérrez, Gorka Rivadulla, Rubén Sobral.

Masculino xuvenil 2x: Anxo Blanco e Xairo Rivadulla

Masculino xuvenil 1x: Xián Gutiérrez

Feminino sub-23: 1x Marta García
Bronce:

Masculino cadete 2x: Breogán Gutiérrez, Gorka Rivadulla
E ademáis:
4ª posición masculino sub-23 1x: Breogán Fariña
7ª posición feminino cadete 1x: Saleta Fariña
12ª posición masculino cadete 1x: Martín García
Un preludio perfecto para a Gala do Deporte
Este gran papel en Castrelo de Miño supón o mellor arranque posible para unha gran semana para a entidade. Hoxe terá lugar a agardada entrega de premios ao deporte marinense, unha gala na que o Club de Remo Ría de Marín será un dos grandes protagonistas ao recibir un total de catro galardóns, recoñecendo así o seu incansable traballo, a súa proxección e os éxitos cultivados polos seus deportistas e técnicos nos últimos anos.