Carriola.Redacción.18.06.26
Dos éxitos na elite mundial de Iván García e Arlet Ortiz ao labor de clubs con máis de 30 anos de historia ou eventos que atraen a deportistas de 8 países, a Gala premiou a 14 referentes que impulsan a unha vila desde a base
Marín viviu onte unha das súas noites máis emotivas e agardadas coa celebración da Gala do Deporte, eventorecuperado despois de varios anos de paréntese, que tivo lugar no novo Auditorio de Marín que se consolida como o escenario perfecto para visibilizar o enorme potencial deportivo da vila.
A velada, conducida polo recoñecido xornalista e speaker deportivo

Terio Carrera, contou coa nota musical do grupo Sonsgalia, cuxas actuacións amenizaron os diferentes momentos dunha gala que reuniu a centos de persoas entre deportistas, clubs, familias e autoridades.
Unha cita agardada no novo Auditorio
No seu discurso de benvida, os concelleiros de Deportes,

Antonio Traba e Antonio Caíña, cualificaron a xornada como unha "noite moi especial”, porque “o deporte non son só medallas; Non son só podios nin clasificacións; Detrás de cada éxito hai moitas horas de traballo, sacrificio, ilusión, renuncias e tamén moitas persoas que acompañan ese camiño”.
Así mesmo, subliñaron que o obxectivo municipal é "conseguir que cada neno e cada nena de Marín teña unha oportunidade para practicar deporte, aprender valores e formar parte dunha comunidade".
Entrega de premios
A entrega de galardóns realizouse en dous bloques por parte de representantes do Concello, a Escola Naval Militar, o Porto de Marín e a Xunta de Galicia.
O xurado, composto por concelleiros, técnicos e xornalistas, tivo a difícil tarefa de elixir aos premiados entre unha ampla lista de candidaturas polo seu rendemento no ano 2025 quedando outorgados aos premios do seguinte xeito:

- Mellor Deportista Masculino: Iván García Martínez (Clube Taekwondo Mats), campión de España e Europa, situado no cumio do ranking mundial
- Mellor Deportista Feminina: Arlet Ortiz (Clube Taekwondo Mats), referente internacional e campioa de España absoluta.

- Mellores Deportistas de Base: Xián Gutiérrez Dopazo (Remo Ría de Marín) e Ángela Balado Conde (Taekwondo Mats), por un 2025 cheo de podios nacionais e europeos

- Mellor Deportista Veterana: Pilar Vázquez Bouzas (Remo Ría de Marín), exemplo de que non hai idade para competir.

- Premio á Inclusividade: Paula García Vázquez (Remo Ría de Marín), por rachar con todos os límites no remo paralímpico (Recollido polo seu pai)

- Mellor Adestrador: Emilio Gutiérrez Jalda (Remo Ría de Marín), polo seu impecable labor técnico

- Mellor Club: CD La Peña, pola súa gran evolución e compromiso coa base tras máis de 15 anos de existencia

- Premio á Promoción do Deporte Base e á Formación: Marín Peixe Galego, con máis de 30 anos de historia formando a centos de nenos e nenas

- Mellor Patrocinio: SEI San Narciso, polo seu apoio indispensable facilitando instalacións e bolsas de estudos

- Mellor Evento Deportivo: Open ENCE Villa de Marín de Boxeo, un referente europeo que reuniu a un milleiro de persoas

- Premio ao Deporte con Valores: Raquel Carragal Dacosta, pola súa solidariedade dando visibilidade a enfermidades raras a través dos seus retos

- Premio ao Voluntariado Deportivo: Carreira e Andaina Pinga Pinga, o corazón organizativo dunha das probas máis emblemáticas da vila

- Mención Especial: Asociación Cultural e Deportiva Gharaboto, polo seu traballo na recuperación dos xogos populares galegos
“Cada esforzo conta”, a lección más valiosa que destacou a alcaldesa no peche do acto
O discurso de peche correu a cargo da alcaldesa

María Ramallo, quen recordou, citando a Rafa Nadal, que "a gloria é ser feliz" e que o verdadeiro éxito reside na capacidade de levantarse e seguir adiante.
"O deporte ensina unha das leccións máis valiosas da vida: cada esforzo conta", afirmou a alcaldesa, quen tamén puxo en valor que este evento debe ser unha "festa ao esforzo, ao compañerismo e á paixón polo deporte".
A rexedora concluíu felicitando a todos os premiados en nome do Concello de Marín, animándoos a seguir superando os seus propios límites.