Carriola.CdR.02.08.26
A Federación Española de Remo ven de publicar a convocatoria para a selección de remo olímpico sub 19, na que un total de 12 xóvenes en catro embarcacións van competir en Plovdiv (Bulgaria ) a vindeira fin de semana.
De entre todos os convocados hai catro galegos, Irene García e Carlota Peña, ámbalas dúas do CR Ribadeo, o tudense Borja Nuñez, do CR do Miño, e Xián Gutiérrez, do CR Ría de Marín.
Esta será a primeira vez que o marinense compite oficialmente nun campionato do mundo e, nesta ocasión, formará tripulación co vasco Mikel Oar-Arteta, do club de remo de Bermeo, na modalidade de dobre scull, unha das máis complicadas e con maior nivel de participación, cun total de 33 tripulacións inscritas.
Esta convocatoria para o mundial supón un broche de ouro para a tempada de Xián, que en maio conseguiu un 10º posto no Campionato Europeo de Brandenburgo (Alemaña) e en xuño acadou o bronce no Campionato de España e o premio ao "Mellor deportista de base masculino" outorgado polo Concello de Marín na súa Gala do Deporte.