Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

A Deputación leva a súa aposta polas festas aos 61 concellos cun apoio que combina financiamento, cultura e promoción turística

Carriola.Dep.Prv..15.08.26 

A institución provincial leva investidos máis de 1,8 millóns de euros a través do Plan +Provincia para contribuír á organización de festexos nos concellos, aos que se suman as achegas de Turismo e programas como Culturea, +Música e +Escénicas

O verán é a época do ano na que a provincia de Pontevedra amosa con maior intensidade a súa riqueza festiva, e máis na coñecida como a fin da semana das mil festas. Romarías, festas patronais, celebracións gastronómicas e citas declaradas de interese turístico converten estes meses nun importante motor económico, social e turístico para os concellos. Un calendario no que a Deputación de Pontevedra ten unha presenza constante, a través dunha estratexia de apoio que combina financiamento directo, promoción turística e programación cultural. Porque o compromiso da institución provincial coas festas vai moito máis alá das achegas puntuais: contribúe á súa organización mediante diferentes liñas de financiamento, apoia especificamente as celebracións de interese turístico e leva concertos, espectáculos e actividades culturais a centos de eventos que se celebran ao longo do ano nos 61 concellos da provincia.

Un dos principais instrumentos para facer posible este apoio é o Plan +Provincia. A través da súa liña de gasto corrente, os concellos poden dedicar parte dos fondos que lles corresponden á organización das súas festas e celebracións populares. Desta maneira, nos últimos tres anos, o Plan +Provincia leva destinados máis de 1,8 millóns de euros para este fin. En 2024 concedéronse preto de 640.000 euros para apoiar os festexos de catorce concellos; en 2025 foron 630.000 euros para trece municipios; e este ano 2026, coa convocatoria aínda en tramitación, xa se reservaron 600.000 euros para doce concellos. Grazas a estes recursos reciben apoio algunhas das celebracións máis representativas da provincia, como o Corpus Christi de Ponteareas, a Festa do Salmón da Estrada, as Festas de San Roque de Vilagarcía de Arousa ou outras citas destacadas en municipios como Cangas, Marín, Tui, A Guarda, As Neves, Ribadumia, Cambados, Barro, Forcarei ou Pontecesures.

Festas de Interese Turístico

A este respaldo súmanse as subvencións nominativas que concede o Servizo de Turismo para contribuír á organización das festas con maior proxección. En 2026, a Deputación destina un total de 119.000 euros a este programa de apoio. Desta maneira, as festas declaradas de Interese Turístico Internacional reciben unha achega de 10.000 euros cada unha. É o caso do Corpus Christi de Ponteareas, a Festa do Viño Albariño de Cambados, a Festa da Lamprea de Arbo, a Feira do Cocido de Lalín, a Romaría Vikinga de Catoira, o Día da Arribada de Baiona e a Rapa das Bestas.

Pola súa banda, as festas declaradas de Interese Turístico Nacional contan cun apoio de 7.000 euros. Entre elas figuran a Festa da Empanada de Bandeira, as Festas de San Roque de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Marisco do Grove e a Festa da Reconquista de Vigo. O apoio complétase con outras celebracións de grande arraigo na provincia, como a Festa do Caldo de Mourente, declarada de Interese Turístico de Galicia e que recibe 6.000 euros; o Día da Hispanidade de Baiona, con 5.000 euros; ou o Acto do Capítulo Serenísimo do Albariño, cunha achega de 10.000 euros.

Programas

Pero a presenza da Deputación nas festas non remata no seu financiamento. A programación cultural converteuse tamén nunha ferramenta fundamental para enriquecer estes eventos. A través de programas como Culturea, +Música e +Escénicas, a institución provincial facilita que concertos, representacións teatrais, espectáculos de danza, maxia, circo ou actividades familiares formen parte das celebracións organizadas polos concellos e polas asociacións da provincia. Estes programas mobilizan cada ano máis de 2,1 millóns de euros e permiten achegar a cultura aos 61 municipios pontevedreses. Durante os meses de verán, unha parte importante desa programación intégrase nas festas locais, ampliando a oferta cultural e contribuíndo a dinamizar tanto a participación da veciñanza como a chegada de visitantes.

Subvencións para actos culturais

A este apoio súmase tamén a convocatoria anual de subvencións para actividades culturais dirixidas ás entidades da provincia, unha liña que moitas asociacións empregan para organizar ou complementar as súas festas e celebracións tradicionais. Este ano está dotada con 350.000 euros, 50.000 máis que en 2025, e o prazo de solicitude rematou o pasado mes de abril. Na convocatoria anterior permitiu financiar preto de trinta actividades festivas e culturais desenvolvidas en vinte concellos.

Deste xeito, a Deputación consolida unha política de apoio que abrangue desde as grandes festas de proxección internacional ata os festexos de ámbito local, colaborando cos concellos e co tecido asociativo para preservar tradicións, impulsar a actividade económica e turística e reforzar a vida social dos municipios. Así, mentres o verán enche de música, gastronomía, tradición e cultura as rúas dos municipios pontevedreses, a Deputación reafirma unha idea que leva demostrando durante todo o mandato: apoiar as festas é tamén apoiar a identidade da provincia, o seu tecido social e un dos seus principais motores turísticos e económicos.

 

roslev