Carriola.Redacción.25.09.26
julio@carriola.es
Dúas actuacións de obras no concello de Marín foron onte obxecto da valoración das ofertas presentadas por parte da Mesa de Contratación, obras que corresponden a realizacións que se farán dentro do “Plan +Provincia” e o” Plan Extraordiario de Infraestructuras Deportivas”
A dotación de fondos provincial para a realización de obras necesarias para a vila é unha forma de financiación esencial dos concellos e que lle permite a Marín seguir avanzando na súa mellora e transformación.
Onte celebráronse dúas Mesas de Contratación para avaliar as ofertas e propoñer adxudicar dous proxectos que se financiarán con cargo ao Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e que comezarán pronto a súa execución. En ambos casos, a empresa Caldevergazo presentou a oferta máis vantaxosa.
170.000 euros para a “Renovación integral en Aniñada”
Por unha banda, está a renovación integral da Rúa Aniñada, que conta cun orzamento cercano aos 170.000€. Esta intervención contempla a continuación da Rúa da Costa ata o Cruceiro do Vento, nun tramo moi solicitado pola cidadanía debido ao mal estado actual do firme e das redes de servizos. Trátase dun acceso fundamental para a conexión cos centros educativos e dos núcleos de Porteliña, Sete Espadas e Cruceiro do Vento co casco urbano.
A nova Pista multideporte suporá unha inversión de 227.000€
A outra actuación ten que ver coa renovación das actuais pistas deportivas anexas á Praza de España e ao Auditorio, que se atopan en moi mal estado. Con esta actuación, preténdese renovar este equipamento tan utilizado, procedendo á súa retirada e á colocación dunha nova pista con mellores calidades e prestacións.
Ademais, formigonarase toda a súa base para poder poñer a nivel o espazo que ocupan os accesos ao Auditorio co entronque co carril bici da Avenida e Ourense e rematar así esta zona urbana.
O deseño desta nova pista será acorde coa renovación urbana de todo ese corazón entre a Alameda e a Praza de España e permitirá practicar distintos deportes grupais, como fútbol, baloncesto… Suporá unha inversión de cerca de 227.000€.