Carriola.Redacción.21.11.26
O remo tamén se disputa baixo teito e chega aos escolares de toda a comarca e, a Copa Ence Rower Indoor Escolar, reunirá 420 estudantes de 17 centros do Morrazo no pavillón da Raña o martes 24 de novembro nunha competición por equipos mixtos do alumnado de quinto de Primaria.
O pavillón da Raña converterase o próximo martes 24 de novembro, de 11.00 a 12.30 horas, nun punto de encontro para o deporte escolar de toda a comarca. A Copa Ence Rower Indoor Escolar 2026 reunirá 420 estudantes de 17 centros de Marín, Cangas, Bueu e Moaña, que competirán en 24 equipos nunha modalidade que permite practicar remo baixo teito.
Presentación no concello
A actividade foi presentada esta mañá no Concello polo Club de Remo Vila de Cangas, coordinador da cita; polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e polo xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.
Remar en equipo, sumando o esforzo de toda a clase
A competición desenvolverase en ergómetros de remo, máquinas que permiten reproducir o exercicio de remar sen saír do pavillón. Participarán clases de quinto de Educación Primaria, organizadas en equipos mixtos e cun formato inclusivo.
Cada equipo sumará os metros percorridos ao longo de 25 participacións e vencerá o que consiga a maior distancia total. Se unha clase non chega aos 25 integrantes, parte do alumnado repetirá quenda ata completar as participacións previstas.
O dispositivo contará con 46 ergómetros Concept2, dos que 23 se destinarán á competición e outros 23 ao quecemento, e coa aplicación ErgRace para o desenvolvemento da proba.
Cinco centros de Marín e participación dos catro concellos
Marín achegará 133 escolares, a representación máis numerosa da xornada, procedentes dos centros de Seixo, Sequelo, Inmaculada, Carballal e A Laxe. Desde Cangas participarán 107 estudantes de Coiro-Castrillón, A Rúa, San Roque e Compañía de María. Bueu estará representado por 78 escolares de Milagrosa, Torre-Cela, A Pedra e Montemogos, mentres que desde Moaña acudirán 102 participantes de Reibón, Seara, Quintela e Tirán.