Carriola.Redacción.28.11.26
As iniciativas apoiadas na convocatoria de 2026 abranguen a modernización empresarial, a sustentabilidade, a inclusión social, o turismo mariñeiro e a conservación do patrimonio marítimo. Empresas, confrarías, asociacións, clubs deportivos e administracións locais desenvolven actuacións que contribúen a diversificar a economía do litoral e xerar novas oportunidades vinculadas ao mar
Un total de 20 proxectos continúan adiante no territorio do GALP ao abeiro da convocatoria de axudas de 2026, cofinanciada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). As iniciativas, promovidas por empresas, confrarías, asociacións, clubs deportivos, entidades sociais e administracións locais, buscan reforzar a competitividade do sector marítimo-pesqueiro, impulsar novas actividades económicas e contribuír ao desenvolvemento sostible das comunidades costeiras.
A convocatoria permitiu aprobar inicialmente 23 proxectos, cun financiamento público de 1.337.388,08 euros. Posteriormente, producíronse tres renuncias por circunstancias sobrevidas durante a posta en marcha das iniciativas, polo que actualmente continúan adiante 20 actuacións. As entidades beneficiarias avanzan na execución dos seus investimentos e na preparación da documentación xustificativa, con prazos que, segundo as características de cada proxecto, poden estenderse durante os próximos exercicios.
Característica dos proxectos
Entre os proxectos aprobados destacan actuacións dirixidas á modernización da industria transformadora, coa incorporación de nova maquinaria, a mellora dos procesos produtivos, a implantación de sistemas de calidade e medio ambiente, o desenvolvemento de novos produtos de maior valor engadido e a aposta pola economía circular mediante a valorización de subprodutos da actividade pesqueira. A convocatoria tamén apoia iniciativas que favorecen o relevo xeracional e a profesionalización das empresas, garantindo a continuidade da actividade e a súa adaptación aos novos retos do sector.
Outra das liñas estratéxicas céntrase na promoción e valorización dos produtos do mar, a través de campañas de sensibilización, actividades gastronómicas, accións divulgativas e iniciativas de dinamización comercial que reforzan o vínculo entre a pesca, a cultura alimentaria e o territorio.
O patrimonio marítimo e a identidade mariñeira ocupan tamén un lugar destacado nesta convocatoria, con proxectos destinados á conservación das embarcacións tradicionais, á difusión dos oficios do mar, á organización de eventos vinculados á cultura marítima e á creación de novos recursos turísticos que contribúan a poñer en valor o litoral durante todo o ano.
As axudas tamén impulsan actuacións relacionadas coa sustentabilidade ambiental, promovendo investimentos para incorporar enerxías renovables, mellorar a eficiencia enerxética, protexer os ecosistemas mariños e avanzar cara a procesos produtivos máis respectuosos co medio. A estas súmanse proxectos que utilizan o deporte vinculado ao mar como ferramenta de saúde, inclusión e cohesión social, así como iniciativas de pesca turismo e turismo mariñeiro que contribúen a diversificar a actividade económica e achegar á cidadanía a realidade do sector pesqueiro.
Proxectos en seis concellos
En todos os concellos do territorio se desenvolverán iniciativas financiadas a traves do GALP o que evidencia á capacidade do territorio para presentar propostas adaptadas ás necesidades e potencialidades de cada municipio.
As administracións locais teñen un papel relevante nesta convocatoria. Os concellos de Sanxenxo, Marín, Poio, Pontevedra e Meaño desenvolven actuacións orientadas á promoción dos produtos do mar, á dinamización turística, á mellora de espazos vinculados ao patrimonio marítimo e á difusión da cultura mariñeira. Pola súa banda, entidades como a Confraría de Pescadores de Lourizán, a Lonxa de Campelo, Amigos da Dorna, diversos clubs náuticos e deportivos e AFAMO impulsan proxectos relacionados coa protección dos recursos mariños, a navegación tradicional, o deporte, a inclusión social e o fortalecemento das comunidades costeiras.
Laura Nieto, xerente do GALP, destaca que «o valor destas axudas está en que permiten responder a necesidades moi diferentes do noso territorio. Falamos de empresas que incorporan novos equipamentos e melloran os seus procesos produtivos, de entidades que recuperan o patrimonio mariñeiro ou de proxectos que utilizan o deporte e a actividade marítima como ferramentas de inclusión. Son investimentos que, de maneira individual, responden a necesidades concretas e que, no seu conxunto, contribúen a fortalecer a economía e a vida das nosas comunidades costeiras».
Con máis de 1,3 millóns de euros de investimento público, esta convocatoria permite facer realidade 23 iniciativas que contribúen a modernizar o sector, xerar novas oportunidades económicas, conservar o patrimonio mariñeiro e mellorar a calidade de vida das comunidades costeiras, reforzando o papel do GALP como instrumento clave para o desenvolvemento local participativo e a economía azul.
Porén algunha delas renunciou ás axudas concedidas por causa sobrevidas durante a súa posta en marcha polo que continúan adiante vinte proxectos que a continuación se presentan e que están a preparar as súas xustificacións nestes meses finais do ano aínda que algún deles teñen prazos máis amplos para a súa execución que pode estenderse un e incluso dous anos máis.
Relación de proxectos aprobados na convocatoria de axudas 2026
MARÍN
Cova Bueu desenvolve un proxecto de modernización dos seus procesos produtivos mediante a incorporación de novos equipamentos que melloran a eficiencia enerxética, incrementan o valor engadido dos seus produtos e reforzan a competitividade da empresa, favorecendo ademais a creación dun novo posto de traballo.
Frioantartic impulsa un proxecto de modernización das súas instalacións centrado na eficiencia enerxética, a seguridade e a dixitalización dos procesos, co obxectivo de mellorar a produtividade, reducir o impacto ambiental e reforzar a competitividade da empresa, permitindo ademais a creación de catro novos postos de traballo.
Frigoríficos Rosa de los Vientos leva a cabo o proxecto Eficiencia e profesionalización da empresa familiar, que permitirá valorizar o fumet de polbo mediante unha nova liña de envasado e impulsar o relevo xeracional, garantindo a continuidade e modernización da actividade empresarial.
Safricope desenvolve un proxecto para implantar e certificar un sistema integrado de xestión conforme ás normas ISO 9001 e ISO 14001, co obxectivo de mellorar a calidade, a xestión ambiental e a competitividade das actividades de carga, descarga e almacenamento frigorífico de produtos da pesca no Porto de Marín.
IMUA Paddle Surf Aguete dá continuidade ao programa AVANZA-IMUA mediante a adquisición dunha furgoneta e un remolque específico para o transporte de embarcacións. Esta actuación permite reforzar a práctica deportiva, ampliar as actividades inclusivas para persoas con cancro e mobilidade reducida, mellorar os programas educativos e desenvolver novas accións de sensibilización ambiental e deportes náuticos na ría de Pontevedra.
O Club de Remo Ría de Marín desenvolve o proxecto O remo como patrimonio vivo e ferramenta de inclusión social na Ría de Pontevedra, que permitie incorporar unha embarcación adaptada para persoas con discapacidade física, impulsar actividades de remo inclusivo, divulgar a cultura mariñeira nos centros educativos e reforzar a sustentabilidade e a xestión dixital da entidade.
O Concello de Marín impulsa o proxecto Módulos socorristas e sanitarios accesibles, que permite instalar dúas casetas de salvamento e socorrismo nas praias de Aguete e O Santo, dotadas de aseos de accesibilidade universal. A actuación mellora as condicións de traballo do persoal de socorrismo e reforza a accesibilidade e os servizos dispoñibles para as persoas usuarias das praias.
SANXENXO
Amigos da Dorna desenvolve o proxecto Escola de Navegación Tradicional de Portonovo, unha iniciativa para preservar e divulgar o patrimonio marítimo mediante bautismos de mar, cursos de iniciación á navegación tradicional e actividades de promoción da cultura mariñeira, combinando formación en terra con saídas prácticas en embarcacións tradicionais pola ría.
O Club Piragüismo Portonovo continúa a impulsar o proxecto Olladas Mariñeiras, unha iniciativa que combina rutas guiadas en kaiak, educación ambiental e divulgación do patrimonio marítimo para achegar á cidadanía a actividade pesqueira, os oficios do mar e os ecosistemas da ría. O proxecto inclúe tamén actuacións de limpeza do litoral e melloras na accesibilidade mediante a adquisición dun vehículo adaptado e de cero emisións.
O Real Club Náutico de Sanxenxo implanta un proxecto de mellora da eficiencia enerxética das súas instalacións mediante a renovación dos sistemas de climatización e da iluminación interior con tecnoloxía de alta eficiencia. A actuación permitirá reducir o consumo eléctrico e as emisións de CO₂, mellorar o confort das persoas usuarias e avanzar cara a unhas instalacións máis sostibles e eficientes.
O Concello de Sanxenxo desenvolve o proxecto Recuperación do sistema dunar e mellora do acceso peonil na praia de Montalvo, que permite crear un acceso accesible para persoas con mobilidade reducida mediante a instalación dunha pasarela elevada, mellorando a accesibilidade ao areal e contribuíndo á protección e conservación do sistema dunar e do medio natural da ría.
Sauro Martínez Durán, impulsor do proxecto pescaturismo Playa de Sanxenxo, contempla a modernización da embarcación con novos equipamentos para mellorar a seguridade, a comodidade e a calidade da experiencia. A iniciativa reforza o carácter educativo e sostible da actividade, promovendo o coñecemento da pesca artesanal, a conservación do medio mariño e a diversificación económica do sector pesqueiro.
Majeja Mariscos S.L. acomete un proxecto de mellora da seguridade, a eficiencia enerxética e os procesos produtivos mediante a implantación dun sistema de enerxía solar fotovoltaica e a adquisición dunha envasadora. A actuación permite optimizar a conservación e preparación do marisco, mellorar a seguridade laboral e reforzar a competitividade e sustentabilidade da empresa.
POIO
Lonxa de Campelo pon en marcha o proxecto SEMENTaRT, unha iniciativa para o deseño e validación dun sistema integrado de sementeira e preparación do sedimento que mellorará a eficiencia, a seguridade e a precisión das tarefas de rexeneración dos bancos marisqueiros. O proxecto inclúe a adaptación dunha embarcación e a incorporación de novos equipamentos para facilitar o traballo das persoas mariscadoras e contribuír á conservación e sustentabilidade dos recursos mariños.
Club Piragüismo Poio desenvolve o proxecto Barco Dragón: Remando xuntas pola saúde, o mar e a cohesión social, que permite incorporar unha embarcación de barco dragón para promover a saúde e o benestar das mariscadoras. A iniciativa fomenta a práctica deportiva, a prevención de lesións, o traballo en equipo e a cohesión social, contribuíndo ao empoderamento das mulleres do mar e á promoción dun uso sostible do medio mariño.
O Concello de Poio materializa dous proxectos destinados a reforzar a divulgación e promoción do patrimonio mariñeiro do municipio. Por unha banda, instálanse paneis interpretativos na contorna de dous dos principais bancos marisqueiros do municipio (Campelo e A Seca) e edítase material divulgativo para dar a coñecer a actividade marisqueira, a súa historia, sustentabilidade e importancia económica. Pola outra, créase a Oficina de turismo móbil desmontable en Combarro, un espazo de recepción turística que centralizará a información sobre o patrimonio marítimo das Rías Baixas, mellorando a atención ás persoas visitantes e contribuíndo á promoción da cultura mariñeira e á desestacionalización turística.
BUEU
A Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e Outras Demencias do Morrazo (AFAMO) lidera o programa de cooperación A música nos oficios e labouras do noso mar, proxecto compartido entre Marín e Bueu, para fortalecer o papel das comunidades pesqueiras mediante accións de posta en valor dos produtos do mar, do patrimonio cultural marítimo e da igualdade no sector, combinadas con actividades de divulgación ambiental, economía circular, participación cidadá e transmisión interxeracional dos coñecementos mariñeiros.
PONTEVEDRA
A Confraría de Pescadores de Lourizán desenvolve o proxecto Enerxía renovable no Mar de Lourizán, que permite modernizar a embarcación de vixilancia coa instalación dun sistema fotovoltaico e novos equipamentos de navegación. A actuación mellora a eficiencia enerxética, a seguridade marítima e a loita contra o furtivismo, contribuíndo á protección dos bancos marisqueiros e á sustentabilidade da actividade das confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó.
O Concello de Pontevedra impulsa o proxecto O Mercado co bo Produto, unha iniciativa destinada a dinamizar o Mercado de Abastos e promover os produtos pesqueiros locais mediante actividades divulgativas, especialmente dirixidas ao público infantil, e actuacións de reforzo da imaxe corporativa dos postos. O proxecto contribúe a poñer en valor a pesca de proximidade, mellorar a identificación dos produtos do mar e consolidar o mercado como escaparate da cultura e da gastronomía mariñeira.
MEAÑO
O Concello de Meaño desenvolveu o proxecto Promoción dos produtos do mar e da cultura mariñeira durante a Festa do Viño, unha iniciativa que combinou accións de promoción dos produtos pesqueiros locais, actividades de sensibilización sobre a alimentación saudable e sostible e propostas culturais vinculadas ás tradicións mariñeiras. O proxecto contribúe a poñer en valor a produción pesqueira e o patrimonio cultural do mar no marco dun dos principais eventos do municipio.