Carriola.Informa Monte Pituco.06.11.21
Xan Montenegro foi un activista de San Xulián que destacou pola vida de loita contra o que ía contra os seus ideais. Doado foi velo protagonizando defensas de veciños e Patrimonio ou organizando actos tan sigulares como aquel altecemento do palleiro galego que durante algúns anos reuniu a numerosos veciños do rural no mes de maio. Monte Pituco (Pornedo) quere dedicar al súas V Xornadas pola Protección do Patrimonio de San Xian” á personalidade de Xan falecido hai unha década.
O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) celebrará a próxima semana as V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que terán como eixe temático a figura de quen fora activista cultural e presidente da Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia, Xan Montenegro, no ano no que se cumpriu unha década do seu pasamento.
En vésperas do Día do Patrimonio Mundial, que se conmemora cada 16 de novembro, o obxectivo destas xornadas é recoñecer o labor pioneiro de Xan Montenegro na protección dos xacementos arqueolóxicos de San Xián en xeral e do Pornedo en particular, así como na defensa da importancia natural e paisaxística desta contorna, á que se refería como “o balcón da ría”.
Acto na Biblioteca Pública e ruta de senderismo
A Biblioteca Municipal de Marín acollerá o vindeiro venres, 12 de novembro, a partir das 20:00 horas, un faladoiro arredor das distintas facetas -social, cultural, política…- que desenvolveu Xan Montenegro ao longo da súa vida, coa participación da súa irmá Lucinda e do seu amigo Xosé Vilas.
Ao día seguinte, o sábado día 13, realizarase unha ruta de sendeirismo por diversos lugares de San Xián. Con saída ás 10:00 horas dende o adro da igrexa parroquial, a andaina percorrerá Viñas Brancas, O Carballal e algúns dos muíños que se atopan no sendeiro que bordea o rego do Lameira ata o Lago de Castiñeiras, para retornar ao punto de partida a través de Pelagartos, onde se localizaron achados vencellados a un posible asentamento prehistórico.
A homenaxe a Xan Montenegro completarase cunha mostra fotográfica no espazo expositivo do Multiusos anexo ao Mercado de Abastos de Marín, que permanecerá do 10 ao 20 de novembro. Incluirá imaxes cedidas pola familia pertencentes ao arquivo de Xosé Vilas: dende estampas de infancia e mocidade, ata viaxes ao estranxeiro, pasando polas diversas actividades nas que colaborou en ámbitos como a memoria histórica e o activismo político, o movemento veciñal e a dinamización cultural a través do Entroido marinense ou a organización da Festa do Palleiro.
As V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que contan co apoio da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia á que pertence o Colectivo Monte Pituco, realizaranse mantendo as medidas sanitarias vixentes. montepituco@gmail.co