Carriola.Redacción.02.11.22
Nestes días andamos inmersos no mundo das castañas; é o tempo delas por excelencia. As castañas foron antes que as patacas, o elemento alimenticio por excelencia do pobo galego e a súa relevancia viña engadida a este tempo de Santos e Defuntos ainda que, secas, consumíanse todo o ano. Non se lle escapou a Manuel Torres o noso benquerido e lembrado pintor e escritor, referirse á “Castañeira” no seu libro “Do Meu Cartafol” do que hoxe, tan oportuna, extraemos esta páxina coma sempre mantendo a escrita do autor
Ninguén sabe de onde ven. Pero ela aparece sempre na mesma data do tempo coma as anduriñas, coma o paspallás, coma o cuco. Ninguén sabe de onde ven; pero cando vai esquecido o San Miguel coa ledicia da vendimia e o barbollar do zume espiritoso nos pipotes fachendosos, e o decorrer do viño no pío de pedra do lagar, e no arrecendo dos vapores quentes das alquitaras trasmutando en espiritosa regalía os derradeiros zumes do bagazo, cando o millo atulla xa as peneiras e decora en restas os balcóns e solainas, un día calisquera aparece a castañeira coa súa tenda cativa, co seu pano cincento envolvéndolle o corpiño dinde a cabeza ós pes.

Grabado de Manuel Torres
O seu apousento é sempre o mesmo en calquera recanto da rúa asoballada de choivas e de ventos, e coma unha probe no camiñlo da romería recolle a esmola que a xente lle guida na abada a cambio da ofrenda de castañas quentiñas e renxentes.
Velehí ven o outono a dacabalo dos días. Corre a sona da síua presencia na sede das fontenlas sin pinga de auga no pío, e no cair das folliñas estercando de paniños murchos o chan labrego. Pero a castañeira apousentada na beira da rúa trsansitada, envolta no seu pano cincento e no fume do cativo lar que lle quenta os xoenllos é a úneca mostra da presencia do outono na vila