Carriola.Partido Popular (R).26.05.23
“Claro que somos un pobo mariñeiro e precisamente con este proxecto reconectaremos coas nosas raíces. Recuperar este espazo degradado para melloralo a nivel ambiental e que a xente se poida bañar como antaño na praia que había é un proxecto polo que apostamos de forma sólida e que xa está encamiñado”, asegurou a candidata do PP de Marín.
Unhas piscinas de auga salgada coas que recuperar un espazo actualmente degradado como é o cemiterio de barcos. Esa é unha das propostas estrela do programa do Partido Popular para os próximos catro anos e que axudará nesa transformación total que está a experimentar o corazón urbano de Marín e, de xeito concreto, da Praza de España.
A actual alcaldesa e candidata á reelección, María Ramallo, ten por seguro que este proxecto “dará un xiro de 180º nos próximos catro anos grazas a todo o que traballamos nos catro anteriores”. Ramallo defende que esta actuación, lonxe de calquera outra consideración, é unha reafirmación da identidade mariñeira de Marín.
“Claro que si, somos un pobo mariñeiro, as nosas raíces están arraigadas na pesca, na salitre e no mar. Recuperar un espazo que a día de hoxe se atopa tan degradado como é o cemiterio de barcos é unha peza clave do que queremos levar adiante na nova lexislatura”, expresou.
Con este proxecto, recuperarase a nivel medio ambiental ese fondo mariño, que permitirá o baño dun xeito seguro, que porá en valor todo o entorno que queda entre o Paseo Alcalde Blanco e o futuro Auditorio e que conseguirá que unamos aínda máis o centro co mar.
“Con esta iniciativa, seguimos traballando cada día e cada hora para dar ese salto de calidade que queremos, para que o Marín do futuro sexa moderno, aberto ao litoral,agradable e con potencial”, rematou a rexedora.