Por Lucía Santos Omil (*)
O pasado mes de febreiro, o Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa solicitando a posta a disposición do Sergas das instalacións do antigo hospital da ENM de Marín para facer fronte á situación sanitaria provocada pola COVID-19 no caso de colapso nos hospitais. Xa en marzo do 2020, Néstor Rego solicitara a utilización destas antigas instalacións hospitalarias, de ser preciso, xa que a infraestrutura resulta idónea para ser rapidamente acondicionada en caso de necesidade para o uso sanitario.
Se no 2020 esta petición foi denegada, alegando desde o Ministerio de Defensa que ditas instalacións non prestan servizo sanitario na actualidade, un ano despois o Ministerio volve denegar a proposta do BNG para poñer a disposición da cidadanía o antigo hospital, no caso de ser preciso, alegando que o edificio deixou de funcionar como hospital para ser reconvertido como Residencia Militar vacacional. Ademais disto, o Ministerio de Defensa xustifica esta negativa dicindo que dita instalación “resulta necesaria para a adicación exclusiva para o aloxamento do persoal da ENM”.
Considero totalmente inxustificábel a negativa da cesión do antigo hospital, de ser preciso, para facer fronte a unha situación excepcional, como está a ser a crise sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19. O Ministerio considera prioritario poñer estas infraestruturas ao servizo residencial de militares antes de cedelo ao Sergas en caso de saturación sanitaria nos hospitais. Estamos a vivir unha situación sanitaria moi grave e cómpre que todos e todas rememos na mesma dirección e poñamos todos os recursos a disposición para poder superar esta crise canto antes e co menor número de víctimas.”
E xa para rematarlembro insisto en que só se está a solicitar o seu uso no caso de necesidade por saturación nos hospitais. Por iso non podemos entender que o Ministerio rexeite esta proposta, pois estariamos ante unha situación de extraordinaria gravidade, que ogallá nunca cheguemos a vivir. Esta negativa é incomprensíbel.”
(*) Portavoz Municipal do BNG