Carriola.Platafor.Seixo. (R) 26.01.24.
julio@carriola.es.
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo e Marín, anuncia a entrega de premios do I Concurso “A nosa vida sen persoal sanitario” para este domingo 28 de xaneiro ás 12:30 na Casa da Cultura de Seixo e convidan a toda a veciñanza a acudir. Este concurso contou coa participación de medio cento de escolares de todo o concello de Marín con idades que van dos 4 aos 12 anos que plasmaron en forma de debuxos un berro das nenas e nenos en defensa da sanidade pública e contra os recortes de persoal na atención primaria e hospitalaria.
Temos que destacar o elevado nivel e creatividade dos traballos que levou a ampliar os premios de cada categoría e agradecer o esforzo do xurado porque non o tiveron nada fácil para decidir, xurado que estivo composto por Patricia Otero, profesora de pintura e arteterapeuta e a pintora Inés Pampín López así como varias/os veciñas/os desta Plataforma. Tamén agradecemos a colaboración das ANPAS dos colexios públicos de Marín e dos comercios que doaron os premios consistentes en libros e material escolar. A maiores fixemos un desembolso económico extra para que haxa agasallos para todas as nenas e nenos que participaron e anunciamos que exporemos todos os debuxos para contemplación e desfrute de toda a veciñanza.”
Autobuses para a manifestación do 4 de febreiro.
Durante o acto deste domingo, aproveitarase para ter unha breve asemblea na que recoller as denuncias das familias tendo en conta a grave situación da atención pediátrica e das urxencias. Así mesmo, poderanse reservar prazas de autobús para a veciñanza que queira asistir á manifestación do domingo 4 de febreiro en Santiago de Compostela baixo o lema “pola sanidade que queremos e merecemos”. O prezo é de 5€ para axudar a pagar os autobuses xa que o goberno municipal nunca colaborou económicamente coa plataforma como ocorre noutros concellos da contorna que si van ter autobuses xestionados pola institución.”
Por último, lembramos que os billetes tamén se poden adquirir nos seguintes establecementos
- Café Bar Freixo en Marín
- Farmacia de Ardán
- Farmacia de Seixo
- Panadería do Cine en Seixo
- Librería Begoña en Seixo
- Ferretería La Comercial en Seixo
e facemos un chamamento a acudir á manifestación para volver reclamar un cambio de rumbo na sanidade pública sen máis recortes e privatizacións.