Carriola.Plataforma 30.01.24.
julio@carriola.es.
A Casa da Cultura de Seixo quedou pequena para a entrega de premios do concurso a nosa vida sen persoal sanitario que tivo como reclamación “o dereito das nenas e nenos a ter pediatra”. A Plataforma sigue coa difusión da manifestación do vindeiro domingo 4 de febreiro en Santiago “pola sanidade que queremos e merecemos”
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 21 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo e Marín, entregou na mañá do domingo os premios do I Concurso A nosa vida sen persoal sanitario na Casa da Cultura de Seixo que ficou pequena para acoller as nenas e nenos participantes, as familias e a veciñanza que acudiu ao acto.
O acto iniciou cun agradecemento ás veciñas e veciños que colaboran en todo o que facemos desde hai case tres anos; ás nenas e nenos que fixeron uns debuxos cheos de creatividade e de mensaxes reivindicativas; ao xurado de Céltica Marín Artecultura, especialmente Patricia Otero, profesora de pintura e arteterapeuta e a pintora Inés Pampín López, así como aos comercios colaboradores. Despois, a cada participante de entre 4 e 13 anos entregóuselle un diploma e unha camiseta da Plataforma, ademais de repartirse 13 premios, entre as 3 categorías, consistentes en libros e material escolar, para rematar cunha foto de grupo nas escaleiras da alameda de Seixo.
As nenas e nenos premiados deron unha explicación do seus traballos, coa idea recorrente de que a falta dunha atención sanitaria axeitada provoca mortes. Ademais de fondo houbo unha reclamación unánime que é o dereito das nenas e nenos a ter pediatra, que hoxe en Marín, hai centos de menores que non o teñen. Iso leva a que se suspendan citas, a que non haxa controis de idade ou a que te deriven ás urxencias pediátricas do Hospital Provincial.
Exposición dos traballos
Os traballos expoñeranse no monumento á loita veciñal que se atopa na Praza de Abastos de Seixo para que todo o mundo poida ver os debuxos e para que este berro das nenas e nenos en defensa da sanidade pública estea sempre presente.
Autobús para a manifestación
Neste acto tamén se fixeron moitas reservas de prazas para o autobús para a manifestación do vindeiro domingo 4 de febreiro en Santiago “pola sanidade que queremos e merecemos” e seguirán coa difusión durante toda esta semana.
Lembran que o prezo é de 5€ para axudar a pagar os autobuses xa que o goberno municipal nunca colaborou económicamente coa plataforma como ocorre noutros concellos da contorna que si van ter autobuses xestionados pola institución.
Poderase reservar o autobús no 699 484 676 e nos seguintes establecementos
- Café Bar Freixo en Marín
- Farmacia de Ardán
- Farmacia de Seixo
- Panadería do Cine en Seixo
- Librería Begoña en Seixo
- Ferretería La Comercial en Seixo