Carriola.Dip.Provincial (R) 07.03.24.
julio@carriola.es.
A deputada provincial Nava Castro presidiu onte a xornada en Marín, detallando as vantaxes de formar parte deste proxecto “que mellora a competitividade das empresas e potencia a excelencia das Rías Baixas como destino turístico”
A Deputación de Pontevedra acaba de celebrar en Marín unhas xornadas de sensibilización, captación e información do Sistema Integral de Calidade Turística española en Destinos (SICTED). Con esta iniciativa a institución provincial deu a coñecer ás empresas das comarcas do Morrazo e Pontevedra, neste caso nun encontro telemático, as principais vantaxes de formar parte dun proxecto “co que estamos a alcanzar un nivel de calidade homoxéneo no noso territorio, mellorando a competitividade das empresas e potenciando a excelencia das Rías Baixas como destino turístico”, asegurou a deputada provincial Nava Castro.
Programa da Secretaría de Estado de Turismo
O SICTED trátase dun programa da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherido a Deputación de Pontevedra como xestora do destino Rías Baixas baixo o paraugas de Turismo de Galicia. Cumprir cos requisitos marcados por este sistema de calidade leva consigo para as empresas acadar o distintivo “Compromiso de calidade turística”, un selo co que se distinguen fronte á competencia e acreditan o esforzo realizado e o compromiso coa calidade e a mellora continua.
Este programa de calidade está aberto a empresas que integran a propia oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxe…) e tamén a aquelas que, sen ser estritamente do sector, contribúen á formación da experiencia turística no destino (taxis, seguridade cidadá…). Non ten custe para as empresas e, sen embargo, a cambio os beneficios son cuantiosos xa que internamente permite ás empresas mellorar a estrutura dos procesos e recibir unha completa formación e, a nivel externo, contar cunha rede de apoio e ser parte dun proxecto a nivel nacional.
A Deputación de Pontevedra leva dende o 2005 traballando no SICTED e un ano despois xa eran 20 os servizos turísticos da provincia que obtiveron as primeiras distincións, entre eles a oficina de Turismo Rías Baixas. Desde aquela, sumáronse ao proxecto entidades de diversos oficios, ata chegar aos 343 establecementos e servizos que, na actualidade, teñen o distintivo de “Compromiso de Calidade Turística” no destino provincia de Pontevedra, o que a converte no primeiro en número de empresas distinguidas a nivel nacional. Das comarcas de Morrazo e Pontevedra están a participar no proxecto do SICTED que lidera a institución provincial empresas de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa.