Carriola.Consello Local do BNG.12.06.24.
julio@carriola.es.
O BNG cumpre o seu obxectivo de lograr un escano propio en Europa e acada o segundo mellor resultado da súa historia en Marín nunhas eleccións europeas
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra con entusiasmo os resultados das recentes eleccións europeas, nos que se consolidou como unha forza política en ascenso. O BNG cumpriu o seu obxectivo principal, logrando un escano propio en Europa. Ao longo dos seus 42 anos de historia, só o obtivera en 1999 con Camilo Nogueira como cabeza de lista.
A candidata nacionalista, Ana Miranda, celebrou uns resultados que nunca estiveron garantidos por unhas enquisas que sinalaban que ese terceiro escano estaba sempre “no aire”. O resultado dos nacionalistas galegos chega despois do éxito nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, onde Ana Pontón conduciu ao Bloque aos seus mellores resultados nunhas eleccións galegas con 25 deputados, 467.000 votos e un 31,6% de apoio.
En Marín, o BNG acadou o seu segundo mellor resultado nunhas eleccións europeas, obtendo 1.547 votos (16,23%), o que representa unha subida notable do 8,09% respecto a 2019. Nos últimos catro procesos electorais, o BNG de Marín experimentou incrementos significativos: 64,4% nas europeas, 67,1% nas xerais, 75,9% nas galegas e 126,3% nas municipais. Este crecemento reflicte a crecente confianza da cidadanía de Marín no proxecto político do BNG.
O traballo incansable da militancia e a coherencia das propostas son factores clave deste éxito. A formación segue amosando que é posible facer política dende a proximidade, escoitando as necesidades reais da xente e propoñendo solucións viables e beneficiosas para todos e todas. O BNG reafirma o seu compromiso de seguir traballando de xeito serio, construtivo e responsábel para mellorar a vida da veciñanza á cal agradece enormemente a súa confianza.
O éxito nas eleccións europeas amosa a relevancia e a forza do BNG no contexto político actual, onde a capacidade para defender os intereses e as necesidades de Galiza nas institucións está máis recoñecida que nunca.