Carriola.C.R. Ría de Marín.07.07.24.
julio@carriola.es.
O club de remo marinense pecha unha grande tempada chea de medallas e, esta fin de semana o lago de Banyoles (Girona) converteuse nun auténtico fervedoiro de remeiros onde 65 clubes de toda España, con máis de 1000 deportistas, participaron no Campionato de España alevín, infantil e veterano. Unha pequena delegación representou a Marín, cun total de 6 remeiros: 2 alevíns, 2 infantís e 2 veteranos.
A pesar de ser un pequeno número, os de Marín voltaron demostrar o seu bo facer e a súa capacidade de facer fronte aos grandes clubes do país. Deste xeito, e despois dos boísimos resultados acadados a nivel autonómico, os alevíns do club de remo marinense en 2x AM -

Rubén Sobral e Alejandro Estebanez- e os veteranos en 2xVMx - Francisco López e Pilar Vázquez- remataron a tempada colgando a prata, proclámandose nos dous casos subcampións de España.
Por outra banda, Pilar Vázquez na súa participación individual en 1xVF rematou en 4ª posición , e os infantís Breogán Gutiérrez e Gorka Rivadulla que acaboron en 16ª posición en 2xIM.
Outras medallas conseguidas nesta tempada
Estas medallas súmanse as obtidas polo cadete Xián Gutiérrez (campión de España de longa distancia, e subcampión de España de pista); e as da competición nacional Copa Primavera, cun ouro alevín para Rubén Sobral e Alejandro Estebanez, ouro cadete para Anxo Blanco e Xairo Rivadulla, prata cadete para Xián Gutiérrez, Hugo González, Xairo Rivadulla e Anxo Blanco, bronce cadete para Xián Gutiérrez e prata para a veterana Pilar Vázquez.
Nesta tempada, a nivel autonómico, o club conseguiu un total de 22 medallas entre todas as súas categorías: 9 ouros, 8 pratas e 5 bronces. A maiores, os remeiros de Marín participaron tamén nas regatas internacionais de Gondomar, Ponte da Amizade e Queima das Fitas, todas elas en Portugal, onde conseguiron 3 ouros, 3 pratas e 3 bronces.
Un club aberto mellorando ano por ano
Compre destacar o bo facer do club, que ano a ano está a mellorar as súas marcas e a levar o nome de Marín por toda a xeografía nacional e mesmo internacional. Dende o club recordan a todos aqueles que queiran probar o remo que o poden facer durante xullo e agosto a través do campamento de verán ou durante o curso escolar a través escolas deportivas do concello. A inscricións do campamento de verán están aínda abertas e os únicos requisitos para poder iniciarse son saber nadar e ter dez ou máis anos. As inscricións poden facerse no teléfono 669957267.