Carriola. Aarón Franco (*).24.11.24.

Leonor, luces e lambetadas.
En Marín, parece que o espírito crítico quedou sepultado baixo unha montaña de reverencias e luces de Nadal. A decisión do goberno municipal de nomear a Leonor, princesa de Asturias, filla predilecta do concello, non só desborda obsequiosidade, senón que roza o esperpento. O executivo local decidiu inmortalizala con honras que parecen saídas dun manual de protocolo medieval. Porque, ao parecer, en Marín confúndese respecto institucional con submisión descarada.
Que méritos pode ter unha figura que, sen ningún esforzo propio, é aclamada simplemente por herdar unha coroa? Leonor foi declarada filla predilecta, un título que debería estar reservado para quen contribúe, con traballo e compromiso, ao benestar e ao progreso da comunidade. A xente de Marín, esa que madruga para traballar no mar, nas pequenas empresas, ou no comercio, merece mellores referentes. Non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén de dignidade democrática. Mentres tanto, os méritos de moitas mulleres e homes de Marín –eses que loitan polo benestar común– son ignorados. Porque, claro, non teñen sangue azul, só suor e dignidade.
Pero a cousa non queda aí. A nova decoración de Nadal inclúe elementos que fan referencia á presenza da princesa en Marín. É dicir, non só se rende pleitesía durante a súa visita, senón que agora tamén se ilumina a cidade como se quixéramos gritar aos catro ventos: "Aquí pasou Leonor!" Non sabemos se son luces ou farois, pero desde logo brillan coa mesma intensidade que o orgullo de quen lle lambeu as botas (ou a coroa).
Non é unha cuestión de preferencias políticas ou ideolóxicas: é unha cuestión de principios. A democracia é incompatible coa sumisión a unha institución que representa o privilexio herdado. Nomear Leonor filla predilecta non é un acto neutro, é un posicionamento político que perpetúa a desigualdade e valida unha monarquía que pouco ou nada aporta ao pobo galego.
O republicanismo non é un capricho nin unha moda; é un chamamento á igualdade, á liberdade e á xustiza social. É afirmar que ninguén nace por riba doutro, e que os méritos –non os apelidos– son os que deben marcar os recoñecementos. Marín, un concello con alma traballadora, debería encabezar ese compromiso coa igualdade. Pero en lugar diso, o goberno local, lambón, decide abrazar con entusiasmo unha actitude de servidume que o deixa ao nivel dun bufón da corte. Ironías aparte, a pregunta é clara: que gaña Marín con isto? Prestixio? Publicidade? Ou, quizais, só un efémero momento de atención mediática? A política local debería estar ao servizo do pobo, non ao servizo de quen ocupa un trono. A verdadeira filla predilecta de Marín debería ser a igualdade. Pero, polo visto, ese recoñecemento terá que esperar a que rematen as festas e se apaguen as luces.
(*) AARÓN FRANCO, mestre, historiador e escritor.