Carriola.Lucía Santos Omil (*). 17.04.25
SOBRE O VETO DO PP Á PROPOSTA DO BNG DA CREACIÓN DUN AULA DE ESTUDO

Lucía Santos Omil
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) lamenta que o grupo de goberno do Partido Popular (PP) rexeitase, no pasado pleno celebrado o 10 de abril, a proposta para habilitar unha aula de estudo pública, estábel e accesíbel no concello. A iniciativa respondía á demanda de estudantes, persoas en formación continua e persoas opositando, que carecen dun espazo municipal axeitado para estudar sendo un servizo básico, e Marín leva máis de quince anos sen el desde o peche da aula da Casa dos Balcóns.
Durante o pleno, o PP recoñeceu que a biblioteca municipal resulta insuficiente, sobre todo en épocas de exames, pero en lugar de apoiar a proposta presentou unha emenda de substitución que aposta pola elaboración dun plan de usos dos espazos municipais. Para nós esta resposta evita tomar medidas reais, é unha fórmula para non comprometerse con nada. Sen prazos, sen contido, sen solucións.
O BNG intentou chegar a un punto de acordo ofrecendo que a emenda do PP se presentase como moción independente, sen vetar a proposta e ogrupo de goberno tamén rexeitou esta opción, algo que evidencia unha clara falta de vontade política.
Ademais, desde o goberno local afirmaron que cando alguén solicita un espazo puntual para estudar, como a aula CeMIT, se lle facilita o acceso. Para o BNG, esa resposta confirma que a necesidade é real, pero tamén pon en evidencia a súa incoherencia: Cando o pide unha persoa, din que sí. Non obstante, se a demanda se presenta de forma colectiva e formal, como fixemos nós, xa non procede. É unha actitude política mezquiña e sen sentido.
Habilitar unha aula de estudo non é unha medida puntual, senón unha solución que xa funciona con éxito noutros concellos da contorna. Non se trata só de apoiar á mocidade, senón de garantir igualdade de oportunidades para quen está formándose, sen depender de ter cartos ou vehículo. Comprometémonos a seguir impulsando esta proposta; non imos renunciar a que a veciñanza conte cunha aula de estudo pública, útil e accesible. É unha cuestión de xustiza, de compromiso co presente e co futuro da nosa vila.
(*) Lucia Santos Omil é a Portavoz municipal do BNG.