Carriola.Concello de Marín. 11.06.25
julio@carriola.es
As ONGs reúnense co departamento de Servizos Sociais e o Goberno local e volven lanzar un SOS pola falta de voluntariado e no encontro, a alcaldesa, María Ramallo, e a edil, Marián Sanmartín, escoitaron a análise que fan os membros das ONGs que operan na vila sobre as necesidades asistenciais e das persoas migrantes
A Sala de Xuntas do Concello de Marín acolleu unha reunión de traballo entre diversas Organizacións Non Gobernamentais (ONGs) que operan no municipio e o Departamento de Servizos Sociais, na que tamén estiveron presentes a alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira Marián Sanmartín, co obxectivo de reforzar a coordinación e a organización dos recursos dispoñibles para facer fronte á demanda de axuda asistencial. Durante o encontro, púxose de manifesto un aumento crecente no número de familias procedentes de países sudamericanos e que son usuarias de Servizos Sociais.
Neste contexto, destacouse a importancia de garantir unha atención adecuada, equitativa e ordenada, polo que se instou a todas as familias solicitantes a pasar polas oficinas de Servizos Sociais para a revisión e actualización da súa documentación. Esta medida permitirá unha xestión máis eficaz e personalizada dos recursos.
Fin do curso escolar e comedores
Outro dos temas abordados foi a finalización do curso escolar e, con el, o remate do servizo de comedores escolares. Ante esta situación, estudaranse fórmulas para paliar, na medida do posible, a carencia deste servizo fundamental para moitas familias durante os meses de verán.Ademais, tratáronse os casos derivados dos campamentos de verán, que tamén supoñen un reto adicional no marco da planificación asistencial da tempada estival.
Recoñecemento
A alcaldesa quixo agradecer personalmente “todo o traballo que facedes desde as ONGs” e mostrou “a completa disposición do Concello para continuar traballando conxuntamente”. Un dos retos máis grandes aos que se enfrentan estas organizacións, tal e como se tratou no encontro, é a falta de voluntariado para sacar adiante o traballo diario. “Por iso”, rematou a rexedora, “trataremos de axudar en facer este chamamento solidario para que máis persoas aporten un grao de area ao voso importantísimo labor”.