Carriola.Redacción. 12.06.25
julio@carriola.es
Denuncian “a carta da infamia” coa que Sanidade da Xunta penaliza aos pacientes que rexeitan operarse na privadae chaman a participar da protesta contra as listas de agarda hoxe xoves ás 20:30 diante do Centro de Saúde de Marín, coincindo coa convocatoria de SOS Sanidade noutras vilas e cidades galegas.
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo e de Marín, vén de denunciar “a carta da infamia coa que a Consellería de Sanidade da Xunta penaliza aos pacientes que rexeitan operarse na privada” a través da copia dun exemplar recibido por unha usuaria do Sergas.Informa que “unha paciente que estaba á espera dunha intervención no servizo de traumatoloxía puxo varias reclamacións por incumprimento dos tempos de espera recollidos legalmente; posteriormente, chamárona para ofrecerlle ser derivada a un centro concertado polo SERGAS, que no caso da nosa provincia son o Quirón Dominguez en Pontevedra e Vithas Fátima en Vigo pero ela decidiu que quería operarse na pública e, máis tarde, recibiu unha carta selada do servizo de atención ao paciente na que se lle comunicaba que por rexeitar a posibilidade de ser intervida nun centro privado, seguía en lista de espera sen garantías no prazo de intervención”.
Iria Aboi Ferradás, portavoz do colectivo, califica a situación de o mundo ao revés“primeiro, o propio sistema público chantaxéate ofrecendo operarte na privada e, despois, penalízate por non querer operarte fóra do sistema público. E por se fose pouco as persoas que renuncian a ser derivadas a hospitais privados porque queren ser operados na pública son sacados da lista de espera estrutural e pasan á coñecida como lista non estrutural, da que a Xunta non ofrece datos, menos regulada e garantista para os pacientes”
Por outra banda, Aboi Ferradás explica que “esta carta é unha proba máis de que os datos ofrecidos pola Xunta das listas de agarda non son os datos reais, porque só publican os datos das listas estruturais, mentres, as listas non estruturais, acumulan as persoas que rexeitan ser intervidas nun centro privado ou por motivos clínicos que descoñecen, listas que representarían arredor dun 30% das estruturais pero a Xunta mantena opaca, porque para eles esas persoas non esperarían por causas estruturais do sistema, senón porque queren, xa que interpretan que lle ofreceron aos pacientes ir á privada o que é un absoluto escándalo.”
Disconformes coas declaracións do conselleiro
A Plataforma insiste en que “son inaceptables as declaracións do Conselleiro Gómez Caamaño da pasada semana nas que afirma que as listas de espera son boas en comparación co resto do Estado" e pregúntanse “son boas para quen? Supoñemos que para o Conselleiro e non para quen espera meses a ser atendido.; Por que non falou o Conselleiro desta ocultación de datos que fan, desta penalización no caso de que te negues a operar na privada ou das citas solicitadas que non aparecen en buzón e non computan? Hai listas de agarda nos Centros de Saúde que poden chegar a 1 mes. Temos veciñas con listas de espera de 10 meses para unha ecografía, dun ano e medio para Uroloxía, dun ano para Dixestivo, para Neuroloxía, para Otorrino,... Isto non son casos illados e hai que reaccionar, necesitamos máis recursos e transparencia.”
Concentración hoxe no Centro de Saúde
Finalmente, o colectivo de Seixo lembra que hoxe xoves 12 de xuño ás 20:30 da tarde teñen unha protesta contra as listas de espera diante do Centro de Saúde de Marín, uníndose así aos diferentes actos reivindicativos organizados por SOS Sanidade Pública noutras vilas e cidades galegas e fan un chamamento a participar “porque coa nosa saúde non se xoga.”, rematan.