Carriola.BNG (R).28.03.26
Néstor Rego exixe ao Goberno transparencia, información detallada ante un proxecto -ser base de apoio da OTAN- que considera lesivo para os intereses de Marín tendo en conta as resolucións aprobadas -por iniciativa do BNG- para impulsar un proxecto alternativo que permita recuperar o espazo para a veciñanza: “Abrir Marín ao Mar”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno do Estado continúa sen ofrecer información clara nin concreta sobre o proxecto de obras previsto na Escola Naval de Marín para a súa adaptación como base de apoio a buques de guerra da OTAN, malia as preguntas parlamentares rexistradas pola formación nacionalista.
O Deputado Néstor Rego denuncia que “A resposta remitida polo Goberno limítase a xustificar as actuacións nun suposto incremento da actividade formativa e na necesidade de modernizar instalacións, sen aclarar cuestións fundamentais formuladas polo BNG” En particular, incide o deputado nacionalista, “O Goberno evita concretar o orzamento total das actuacións, non detalla os informes ambientais necesarios nin explica as razóns polas que se prioriza o uso militar destes espazos fronte a outras alternativas de maior interese social” e nese sentido, Rego denuncia que o Goberno “non responde ao núcleo das preguntas e mantén unha posición de opacidade sobre un proxecto que pode ter un forte impacto tanto urbanístico como ambiental na ría de Pontevedra e na propia vila de Marín”.
O BNG deixou claro desde o primeiro momento o rexeitamento do incremento de gasto militar, máis , continúa o deputado nacionalista “no actual contexto de graves consecuencias económicas para as clases populares e traballadoras e o custo desas obras debera servir para incrementar o gasto social e para pór as instalacións ao servizo da veciñanza, non para seguir contribuíndo a escalada bélica”.
Preocupación pola apertura de Marín ao mar
A voceira municipal do BNG manifesta a súa preocupación polo posíbel incumprimento das resolucións aprobadas -por iniciativa do BNG- para avanzar no proxecto de “Abrir Marín ao Mar” e, neste sentido, advirte de que a negativa do Ministerio de Defensa a ceder terreos considerados “esenciais” contrasta coa disposición a empregar eses mesmos espazos para infraestruturas militares.