The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

O BNG solicita un impulso moito mais intenso á práctica de senderismo no concello de Marín

Lucía Santos considera que Marín é merecente de estar presente na guía da Xunta Sendas para descubrir un País.

Carriola. Redacción. 05.06.21

Lucía Santos Omil, Portavoz Municipal do BNG de Marín, ven de presentar unha moción, para ser tratada no Pleno Municipal, que ten por obxecto o impulso da práctica do sendeirismo no noso concello.

A Portavoz Municipal do BNG lembra que “dende a Concellaría de Medio Ambiente xestionada polo BNG durante o bipartito iniciouse o traballo no ámbito do sendeirismo e creáronse dúas rutas, a “Ruta das Praias” e a “Ruta do Monte Penizas”, e no mes de xuño do ano 2015 inaugurouse o “Roteiro do Espazo natural e arqueolóxico dos sete camiños”, posto en marcha polo movemento asociativo da zona.”

En 2016 o BNG presentou unha moción que recollía as propostas feitas pola A.C. Almuinha a comezos dese mesmo ano en relación coa potenciación do sendeirismo en Marín. Aquela moción saiu aprobada por unanimidade e Lucía Santos recoñece “que nestes 5 anos algo se fixo en relación a este tema, como foi a creación do “Roteiro dos 5 miradoiros” e da “Ruta dos montes e das praias”, e mellorouse a publicidade das rutas existentes.”

Mais Lucía Santos afirma que “quedaron cousas atrás, polo que hai moita marxe de mellora: non se remataron as rutas que estaban encamiñadas como son a “Ruta das Mámoas” e a “Ruta do río Lameira ou río Castiñeiras”; incomprensibelmente non se deu nunca a máis mínima publicidade ao “Roteiro do Espazo natural e arqueolóxico dos sete camiños”, inaugurado en 2015; e no ámbito da publicidade das rutas, Marín non figura con ningunha ruta na guía “Sendas para descubrir un País”, que periodicamente publica a Xunta de Galiza.”

A Portavoz Municipal do BNG insiste en que “o Concello de Marín dispón de elementos culturais e naturais de especial relevancia que deberan facer de Marín un punto turístico de parada obrigatoria nas Rías Baixas. En Marín contamos cun entorno natural realmente fermoso, entre o que podemos destacar as praias e o lago de Castiñeiras; e un gran patrimonio arqueolóxico e cultural, como os petróglifos de Mogor, o castro da Subidá, as mámoas de Castiñeiras, o menhir de Currás, dúas igrexas románicas do século XII en Santomé e Sta. María do Campo, muíños, lavadoiros, cruceiros... Estes son tan só algúns exemplos do que a nosa vila pode ofrecer como reclamo turístico.”

Atraer a atención dos sendeiristas

Insiste a portavoz nacionalista en que dicindo “Na actualidade está en pleno auxe a práctica do sendeirismo, e Marín conta con recursos atractivos dabondo para atraer os e as amantes desta práctica. Lembrabamos en 2016 que, de levarse a cabo aquelas sinxelas actuacións, Marín contaría cun bo número de rutas de sendeirismo que levarían aos/ás camiñantes polos espazos naturais e elementos culturais de maior relevancia do noso concello e non debemos esquecer a riqueza natural e patrimonial do río Loira, con decenas de muíños no seu percorrido. Actualmente existen numerosas rutas de sendeirismo en diferentes concellos que poñen en valor, amais do entorno natural, o patrimonio etnográfico, polo que consideramos importante unha actuación neste entorno.”

Non figura ningunha ruta de Marín na publicación da Xunta

Noutra orde de cousas, a Portavoz do BNG lembra que “o pasado 21 de marzo a Xunta de Galiza publicou a nova edición da guía “Sendas para descubrir un País”, con 122 rutas homologadas pola Federación Galega de Montañismo para practicar sendeirismo en Galiza, sen que figure ningunha ruta de Marín e, desde o BNG, consideramos que a aparición do noso Concello nesta guía poría a Marín no mapa do sendeirismo e faría que moita xente se achegase ao noso Concello.”

Lucía Santos remata afirmando “Consideramos que as propostas que solicitamos aumentarían o reclamo turítico no noso Concello, ao tempo que porían en valor o noso importante patrimonio natural, arqueolóxico, etnográfico e cultural:

- A homologación dalgunha ruta de sendeirismo no noso concello pola Federación Galega de Montañismo, para que Marín poida aparecer na vindeira edición da guía “Sendas para descubrir un País”.

- O inicio das actuacións precisas para rematar a “Ruta das Mámoas”, a “Ruta do río Lameira ou río Castiñeiras”, xa propostas hai 5 anos.

- A creación da “Ruta dos muíños do río Loira”.

- A publicidade do “Roteiro do Espazo natural e arqueolóxico dos sete camiños”, de gran interese.”