Carriola.03.05.26
¿QUE PEGADA QUERO DEIXAR NAS VIDAS DOS MEUS ALUMNOS?

Fernanda Zine Diniz
Educadora
Primeiro de todo, gustaríame presentarme:
Chámome Fernanda Zine Diniz, teño 45 anos, son profesora de infantil, profesora de primaria, docente de xeografía e mediadora escolar. Actuei durante 24 anos na Prefeitura Municipal do Río de Xaneiro, a maior rede de ensino de América Latina. Pasei toda a miña vida adulta na aula, en 2 quendas, con 2 grupos e un mínimo de 32 alumnos en cada quenda. Non teño medo de dicir que vivín o lado doce e o azedo de elixir a docencia como medio de subsistencia; os meus alumnos, con idades entre 4 e 15 anos, ensináronme máis do que eu a eles, e hoxe vexo que o que tivemos foi un gran intercambio e unha gran construción na nosa formación como seres humanos convivindo en sociedade.
Comezo este texto contando unha pasaxe da miña vida, especificamente na ESO, con 11/12 anos. Sempre me gustaron as ciencias sociais e naturais, e cando cheguei á ESO tiven un profesor de xeografía que marcou a todos os alumnos; eramos case 40 alumnos dentro dunha aula e na hora da clase de xeografía era coma se fose un momento onde todos quedabamos inmóbiles para asistir ao “show” do noso profesor Ari, baixiño, gordiño, tiña un fusquiña viño e sempre, sempre deixaba ao grupo ansioso pola seguinte clase. El ensinábanos xeografía a través de vídeos, programas de reportaxes, filmes e mapas, moita información para aquel grupo que estaba comezando a entender un pouco do que era o mundo. Na década dos 90 era común que as escolas públicas tivesen clases os sábados e durante 4 anos iamos felices á escola porque teriamos 2 tempos de xeografía os sábados. (Despois puiden ter a honra de poder dividir a sala de profesores co meu querido profesor Ari, el como docente da ESO e eu como docente de infantil) . No mesmo período tiven clases de inglés, e foi o período máis triste que tiven como alumna... vivía nun lugar humilde, e ese profesor de inglés que vivía nun barrio nobre, baixaba do autobús cunha cara de noxo, e sempre dicía na clase que “vostedes nunca van aprender inglés” e foron 4 anos de desleixo e humillación.
Conto estes dous momentos da miña historia de vida para facermos unha reflexión como profesores: cales son as marcas que queremos deixar na vida dos nosos alumnos?. Queremos ser lembrados como aquel que nos marcou positiva ou negativamente?. Eu aprendín español, falo un pouco de italiano, pero ata hoxe non consigo aprender inglés. Xa era profesora de infantil cando fun facer a carreira, e non optei por pedagoxía, senón por xeografía porque sempre tiven unha conexión moi grande con este tema. Viaxei a varios países, estudei fóra do Brasil e actualmente vivo en España... a xeografía está comigo onde queira que vaia. Na miña posgrao fun para a área de xeografía humana, en ciencias sociais, e hoxe estudo integración social co obxectivo de traballar con persoas en situación de vulnerabilidade.
O que quero deixar rexistrado é que saber das nosas responsabilidades como profesores, do moito que podemos cambiar vidas e deixar marcas na vida dun alumno é un privilexio!. Non quero aquí deixar de lado os problemas do sistema de ensino, dos salarios defasados, das perdas de dereitos ou do adoecemento da clase docente, quero só lembrar que os nosos alumnos non teñen culpa de nada, son nenos, están en desenvolvemento, espéllanse e reproducen o que ven. Se alguén ten culpa de algo son os adultos, sexan os pais/responsables, sexa o goberno ou calquera persoa adulta que teña unha responsabilidade que afecte directamente ao desenvolvemento dese alumno/a. Non me gusta dicir que a docencia é un sacerdocio, pero non teño como deixar de lado a importancia que temos e como impactamos directamente na formación social destes alumnos que nos foron confiados durante todo un ano lectivo.
Aporto á nosa reflexión unha contribución do pedagogo, escritor e profesor universitario galego Xesús R. Jares na súa obra “Educación e conflito: Guía de educación para a convivencia”, o conflito escolar non debe ser interpretado como unha disrupción negativa que urxe eliminar mediante medidas punitivas, senón como unha oportunidade inherente á convivencia e necesaria para o crecemento persoal e social. Baixo o seu enfoque, a mediación eríxese como unha ferramenta pedagóxica fundamental, transformando a resolución de disputas dun exercicio de autoridade vertical nun proceso de diálogo reflexivo onde os actores, acompañados por un facilitador, aprenden a xestionar as súas propias diferenzas, recoñecendo ao “outro” e construíndo solucións baseadas no consenso e no respecto mutuo, elementos esenciais para consolidar unha verdadeira cultura de paz dentro da aula.
Ao reflexionar sobre o noso labor docente, a reflexión é: que marcas queremos deixar na vida dos nosos alumnos?. A diferenza entre o profesor Ari, que espertaba curiosidade e paixón, e aquel profesor de inglés que, desde o prexuízo, causaba humillación, recórdanos que a nosa práctica pedagóxica non é neutral; cada interacción é unha oportunidade para construír ou para destruír. Se aceptamos, como sostén Jares, que o conflito é unha parte inherente da convivencia e un vehículo para a aprendizaxe, deixamos de ver ao estudante como un obstáculo a controlar e empezamos a velo como un suxeito co que dialogar. Ao optar pola mediación fronte á imposición, transformamos a aula nun espazo onde, a pesar das carencias do sistema ou o desgaste propio do docente, priorizamos o respecto e a dignidade do alumno.
En última instancia, a nosa profesión é un constante exercicio de “gran troca”. Cando eliximos xestionar as diferenzas a través do diálogo e a escoita activa, non só estamos resolvendo un conflito puntual, senón que estamos a ensinar aos nosos alumnos a convivir en sociedade. Que a nosa maior marca sexa, entón, ter contribuído a formar seres humanos que, habendo sido escoitados e respectados, aprendan a facer o mesmo cos demais, convertendo as nosas aulas en espazos de verdadeira transformación social.
Sobre a autora:
Neste primeiro domingo de maio temos a hora e a satisfacción de contar cunha nova colaboradora dentro da nosa sección de pedagoxía en Carriola, Fernanda Zine Diniz, educadora con 24 anos de traxectoria na rede pública de ensino do Río de Xaneiro, especializada en mediación escolar, alfabetización e atención á diversidade. Licenciada en Xeografía e experta en mediación e educación emocional, é coautora do libro Convivencia y conflictos en la escuela. Actualmente reside en España, onde estuda integración social e desenvolve proxectos de educación emocional dirixidos á transformación social.
(*) Carriola de Marín agradece sinceiramente esta colaboración da profesora Zine Diniz e da Asociación de Pedagogía de Galicia “APEGA” que enriquece os contidos desta páxina.