Carriola.Redacción.21.05.26
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, informa do incremento de 100.000€ no orzamento desta liña de axudas co obxectivo de superar a cifra das 183 entidades de 47 concellos da provincia atendidas na edición do ano 2025 polo que cada agrupación poderá recibir ata un máximo de 3.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 22 de xuño
A Deputación de Pontevedra presenta unha nova convocatoria das axudas dirixidas ás agrupacións musicais e bandas de música da provincia para a adquisición ou reparación de instrumentos ou vestiario nun acto dirixido polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e ao que asistiron representantes do tecido cultural. Unha nova mostra da sensibilidade do goberno provincial coa protección e difusión da cultura, a tradición e a lingua galegas que eleva a súa dotación en 100.000 euros con respecto á convocatoria do ano pasado para situar o orzamento nun total de 300.000 euros.
Un recoñecemento ás agrupacións
Unhas axudas que, segundo explicou o deputado provincial Jorge Cubela, responden a un clamor do mundo das agrupacións musicais e culturais desta provincia que este goberno tivo a sensibilidade de escoitar e atender. Unha colaboración que supón un recoñecemento ás agrupacións que manteñen vivas a música, as festas e os bailes tradicionais da provincia; que son un ingrediente indispensable en calquera acto cultural desta provincia e que garanten a cohesión social e a oferta cultural e de lecer en tantos concellos e vilas desta provincia.
Hoxe publicanse as bases no BOP
A Deputación publicará as bases desta nova convocatoria de subvencións este xoves no Boletín Oficial da Provincia para abrir ao día seguinte o prazo de presentación de solicitudes por un período de 30 días, ata o 22 de xuño. O programa divídese en dúas liñas: unha, para adquirir novos instrumentos ou pezas de vestiario, dotada con 250.000 euros (80.000€ máis que o ano pasado); e outra, para a reparación dos mesmos, cunha partida de 50.000€ (20.000€ máis que o ano anterior). Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha axuda dun máximo de 3.000 euros, pero o financiamento por parte da Deputación nunca poderá superar o 75 % do custo. A boa acollida destas axudas refléxase en que o ano pasado beneficiaron a un total de 183 entidades procedentes de 47 concellos da provincia.
Un compromiso da Deputación coa cultura
Neste sentido, Jorge Cubela remarcou o compromiso do goberno provincial coa cultura. “Esta é outra mostra de que a cultura é para nós unha auténtica prioridade, unha área estratéxica que estamos dotando de fondos para atender todas as demandas do sector cultural”, declarou para darlle a benvida ao Pazo provincial a todos os asistentes.
Danza e teatro
Nunha semana na que a Deputación presentou tamén a terceira entrega do circuíto provincial de danza e teatro +Escénicas, o anuncio desta nova vía de colaboración co tecido cultural demostra a aposta estratéxica que está a levar a cabo a Deputación tanto no impulso da cultura como no apoio aos colectivos. “Convidamos a todos os potenciais beneficiarios a solicitar estas axudas, para que as agrupacións musicais da nosa provincia sigan ao pé do canón moitísimos máis anos”, rematou o deputado.