Carriola. Redacción. 03.06.26
julio@carriola.es
Un total de 23 alumnos do Ciclo de Actividades Comerciais do Colexio Mendiño de Vigo participarán este xoves nunha intervención real nos escaparates de varios establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto Estrela de Marín
O comercio local de Marín transformarase este xoves, 4 de xuño, nun espazo de formación práctica grazas a unha nova iniciativa impulsada polo Centro Comercial Aberto Estrela de Marín dentro da campaña “Vive un Verán Estrela”. A acción contará coa participación de 23 alumnos e alumnas do Ciclo de Actividades Comerciais do Colexio Mendiño de Formación Profesional de Vigo, que traballarán na mellora visual dos escaparates de distintos establecementos asociados.
A actividade desenvolverase baixo a dirección da especialista en visual merchandising Cany Juncal, quen guiará ao alumnado na planificación e execución das intervencións, aplicando criterios profesionais relacionados coa composición, a iluminación, a cor, a disposición dos produtos e a comunicación comercial. O obxectivo desta iniciativa é reforzar a imaxe comercial da vila, mellorar a presentación dos produtos e facer máis atractivos os puntos de venda de cara á campaña estival. Desde Estrela de Marín destacan que o escaparate continúa sendo unha ferramenta esencial para captar a atención da clientela, transmitir identidade e poñer en valor o comercio de proximidade.
Ademais do impacto directo nos establecementos participantes, a proposta busca estreitar a relación entre a formación profesional e o tecido empresarial local. O alumnado terá a oportunidade de traballar en espazos reais e coñecer de primeira man o funcionamento diario dos pequenos negocios, adaptando as súas propostas ás necesidades de distintos sectores comerciais. Desde o Centro Comercial Aberto Estrela de Marín sinalan que esta colaboración demostra como o comercio local pode converterse tamén nun espazo de innovación, aprendizaxe e intercambio de ideas. A entidade considera que abrir as portas dos establecementos ao talento novo contribúe a modernizar a imaxe dos negocios e reforza a conexión coa cidadanía.
A campaña “Vive un Verán Estrela” continuará nas próximas semanas con novas actividades orientadas a dinamizar as compras no comercio local, premiar a fidelidade da clientela e consolidar Marín como un destino comercial activo e atractivo durante a tempada de verán.