Carriola. Redacción. 05.06.2026
julio@carriola.es
A plataforma veciñal de San Xulián valorou positivamente os informes desfavorables emitidos polos servizos técnicos municipais e posteriormente ratificados pola Xunta de Goberno Local respecto ás pretensións de Urbaser para desenvolver novas instalacións na antiga canteira de Pardavila. Con todo, os representantes veciñais consideran que a situación aínda non está resolta de forma definitiva e advirten de que a empresa dispón de mecanismos legais para recorrer a decisión adoptada polo Concello.
A través dun comunicado remitido aos medios de comunicación, a plataforma insiste en que continuará mobilizada para impedir a implantación do proxecto e agradece o apoio recibido tanto por parte dos veciños como dos medios informativos. Este é o texto íntegro da súa valoración:
“En representación da plataforma veciñal de San Xulián, ante a noticia dos informes desfavorables a petición de Urbaser, opinamos que é unha boa noticia pero de momento non hai nada asegurado. Os técnicos do Concello informaron negativamente os permisos, e a Xunta de Goberno ratificouno coa súa votación, pero agora hai que saber se a empresa ten algunha intención de presentar alegacións ou recorrer ditos informes, porque teñen un prazo de dous meses, por lei, para recorrer, ir a contencioso ou presentar novas solicitudes. Nós seguimos e seguiremos traballando para defender a salubridade dos veciños. A planta de Urbaser ten que continuar nun polígono industrial, e non no medio das casas.
O que pretenden facer na canteira de Pardavila, colocar un garaxe e lavado de camións, lavado de contedores, taller, punto limpo, oficinas, vestiarios e aula de medio ambiente, é unha industria de titularidade privada que non se pode facer nun solo rústico de uso dotacional. A maiores, nós pedimos que sexan conscientes de que se ven prexudicadas as vivendas próximas e, en xeral, todos os veciños da contorna: ruídos día e noite, cheiros, acumulación de lixo, augas contaminadas, ratas, moscas... e non estamos dispostos a consentilo. Non imos parar ata que esta sexa unha decisión firme e definitiva. Seguimos recollendo sinaturas e agradecemos a todos os medios de comunicación, tamén aos veciños de Marín e á xente de fóra da contorna de Marín, todo o seu apoio.”