Carriola.Redacción.18.06.26
Xoves, 18 de xuño
O Cine Club de Marín ofrece esta tarde na Biblioteca Pública a proxección da película “Matria” ás oito da tarde precedida pola presentación a cargo do director do film, Álvaro Gago aue ao remate da película abrirá un coloquio entre os asistentes
A cita está sinalada para as oito da tarde na sala do piso superior da Biblioteca Pública con entrada libre ata completar o aforo da sala . Ao remate da proxección, haberá unha charla-colocquio sobre “Análise sobre as personaxes femininas na filmografía de Álvaro Gago”.
Nesta sesión abordarase a representación da muller traballadora, os coidados, as relacións familiares e a construción das personaxes femininas que articulan o universo cinematográfico do director.
“Matria” un retrato da vida de Ramona
Matria retrata a vida de Ramona, unha muller dunha vila mariñeira galega que loita por saír adiante entre responsabilidades familiares, dificultades laborais e unha rutina marcada polo esforzo constante. A través dunha interpretación extraordinaria de María Vázquez, Álvaro Gago constrúe unha historia profundamente humana sobre a dignidade, os coidados e a procura dun espazo propio.
A curtametraxe Matria (2017) acadou unha extraordinaria proxección internacional tras gañar o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance e ser nomeada aos Premios
Goya. A súa posterior adaptación á longametraxe (2023) estreouse na Berlinale, obtivo a Biznaga de Prata á Mellor Actriz para María Vázquez no Festival de Málaga e recibiu dúas nominacións aos Premios Goya 2024.
A evolución entre ambas obras constitúe un dos aspectos máis interesantes do ciclo. Mentres a curtametraxe ofrece un retrato concentrado da realidade da súa protagonista, a longametraxe amplía ese universo para explorar con maior profundidade os conflitos, relacións e dimensión emocional de Ramona, converténdoa nun dos personaxes femininos máis relevantes do cinema galego recente.