Carriola.Redacción.21.06.26
A Biblioteca Pública Municipal de Marín acolleu esta semana o ciclo “A Matria de Álvaro Gago”, organizado por Marín de Cine, programación que concluíu este venres coa proxección das curtametraxes Matria e 16 de decembro, unha peza adicional, esta última, incorporada para ampliar as actividades inicialmente previstas e completar un percorrido pola traxectoria cinematográfica do director galego.
O ciclo rexistrou, especialmente na súa sesión inaugural do xoves, unha asistencia superior á obtida no anterior ciclo dedicado a Chano Piñeiro, celebrado o pasado mes de maio, confirmando o crecente interese que esperta a iniciativa impulsada polo Cineclub Marín organizado pola asociación Marín de Cine.
A sesión principal contou coa presenza do propio Álvaro Gago, director de Matria, quen compartiu co público asistente unha extensa conversa arredor das raíces persoais da historia, estreitamente vinculadas a experiencias da súa propia vida e materializadas a través da personaxe de Ramona, interpretada por María Vázquez.
Durante o encontro abordáronse cuestións como o papel da muller traballadora galega, o matriarcado, as influencias cinematográficas presentes na súa filmografía e a conexión da súa obra con determinadas correntes do cine británico de carácter social. O director explicou ademais algúns dos procesos creativos detrás de Matria, deténdose especialmente no traballo realizado xunto a María Vázquez para construír unha personaxe profundamente arraigada na realidade de moitas mulleres da costa galega.
Outro dos aspectos máis destacados foi a análise da linguaxe cinematográfica da película e do seu ritmo de montaxe, concibido para trasladar ao espectador a presión e a intensidade emocional que acompañan á protagonista ao longo da historia.
Na recta final do coloquio, Gago quixo reivindicar o papel das mulleres cineastas, historicamente relegadas a un segundo plano dentro dos relatos oficiais da historia do cinema. Durante a conversa citou expresamente á escocesa

Margaret Tait, á que sinalou como unha das creadoras fundamentais da súa formación cinematográfica e como exemplo de tantas autoras cuxa contribución artística non sempre recibiu o recoñecemento merecido.
Gago regresará ao Cine Club marinense
Álvaro Gago concluíu a xornada agradecendo a acollida recibida por parte do público marinense e da organización, amosando ademais o seu desexo de regresar á vila unha vez rematada a súa próxima longametraxe, Porto Alegre, actualmente en fase de desenvolvemento e financiamento e con previsión de rodaxe para o verán de 2027. Durante a súa conversa cos responsables de Marín de Cine, o cineasta resumiu esta intención cunha frase que foi recibida con grande entusiasmo pola organización: «Invitádeme coa seguinte peli».