Carriola.MdC.14.07.26
Tras o éxito da última proxección organizada por Marín de Cine, a asociación diríxese agora á veciñanza para dar un pequeno empuxón á quinta edición da Mostra do Audiovisual e Cinema de Marín (MAC Marín), que vén de lanzar por redes sociais a súa campaña de crowdfunding. A iniciativa pretende converter o apoio do público nunha forma de ampliar a experiencia do festival, fomentando ao mesmo tempo a colaboración con marcas e negocios locais que tamén apostan polo seu crecemento.
Os distintos packs de colaboración funcionan como un adianto para os pases especiais do festival e permiten aos asistentes vivir unha experiencia máis completa, combinando cinema, gastronomía, cervexa artesanal, viño galego e produtos oficiais da MAC Marín.
PACK ESTÁNDAR · 20 €
- 2 entradas para os pases especiais do festival.
- 2 cervexas NASA, elaboradas na provincia de Pontevedra.
- Adhesivos oficiais do MAC Marín.
PACK ABONADO · 40 €
- Todo o Pack Estándar.
- Cota anual do Cineclub Marín.
PACK ABONADO CERVEXEIRO · 65 €
- Todo o Pack Abonado.
- Caixa de cervexa NASA.
- Camiseta oficial.
- Chapas e adhesivos.
PACK CINEMA GOURMET
- Experiencia gastronómica no Restaurante É, do chef Marcos Area.
- Entradas para os pases especiais
- Produtos oficiais do MAC Marín.
PACK PRODUTOR EXECUTIVO TERRAS GAUDA
- Viños da prestixiosa adega Terras Gauda, colaboradora do festival desde pasadas edicións.
- Produtos exclusivos do MAC Marín.
- Aparición nos créditos oficiais do festival como mecenas.
Máis información e colaboracións
Campaña de Verkami https://www.verkami.com/projects/40962
Contacto da organización marindecine@gmail.com
A Mostra presentará este verán unha programación moi coidada, na que participarán os cineastas locais Anxos Fazáns e Ángel Santos, que proxectarán no Auditorio de Marín os seus últimos longametraxes, As Liñas Descontinuas e Así Chegou a Noite. Aínda que a Selección Oficial anunciarase nas próximas semanas, a organización adianta que varias producións escollerán o MAC Marín para realizar a súa estrea, nunha edición moi marinense á que se suman as curtas Cousa Mala de Gero Costas e Furancho Bota Viño de Elena Gallego e Mayka Braña
Desde Marín de Cine lembran que cada achega contribúe directamente a fortalecer un proxecto adicado á industria creativa, nunha edición na que a Mostra amplía a experiencia durante cinco días, nos que o público non só poderá desfrutar do mellor cinema, senón tamén da gastronomía local e dos múltiples encantos que ofrece Marín durante o mes de agosto.
A Mostra reforza o seu equipo de produción
Co obxectivo de continuar medrando e ofrecer unha experiencia organizativa á altura do novo formato do festival, a V edición da MAC Marín incorpora novos perfís ao seu equipo de produción. Nesta edición únense o marinense Miguel Abilleira, educador social e xestor cultural, e Saray Sequeiros, técnica superior en Son para Audiovisuais e Espectáculos, graduada no CIFP Audiovisual de Vigo.
Ambos traballarán xunto ao equipo fundador de Marín de Cine, integrado por Josselyn Linarez, graduada en Turismo e responsable da coordinación organizativa, e por Dani Antelo, promotor da MAC Marín, docente e comunicador local. A combinación destes perfís reforza a aposta da Mostra por un modelo de festival profesional multidisciplinar feito con moito cariño e por xente da casa.