Lapetit
The current Bet365 opening offer for new customers is market-leading bet365 mobile app You can get a free bet right now when you open an account.

CARRIOLA DA OPINIÓN: Reivindiacións Carriola.23.08.26.

Carriola.23.08.26.

julio@carriola.es.

Políticas públicas e ambición política en Marín. 

Por Juan Méndez Martinez

Algunhas veces escribimos, falamos con amigos sobre esa impresión que temos e que cada vez nos preocupa máis: o que semella escasa capacidade reivindicativa da cidadanía e da clase política de Marín á hora de defender o noso futuro como cidade. É moi probable que esta apreciación sexa inxusta, incorrecta. Quizais sexamos nós os que esaxeramos, os que somos excesivamente reivindicativos ou belixerantes con asuntos que nos afectan a todos. Pode ser.

É posible, por exemplo, que reclamar unha nova residencia de maiores nun lugar digno no centro de Marín, para evitar que os nosos pais, avós ou familiares teñan que marchar a 30, 50 quilómetros ou máis, sexa unha reivindicación excesiva. Mesmo cando a Xunta anuncia a construción de novas residencias en Galicia e Marín non figura entre as localidades previstas.

Tamén pode ser que pedir que as listas de agarda do Centro de Saúde reduzan seus tempos, en lugar de aumentar, sexa unha reivindicación pueril. Incluso cando todos lembramos unha época na que conseguir unha cita médica podía resolverse en dous ou tres días.

Quizais tamén sexa estrafalario defender un "Ensanche de Marín 2.0", recuperando dalgún xeito a inspiración da transformación urbana de José del Río nos anos 1920. Ou reivindicar un "Abrir Marín ao mar", como están intentando facer —i en moitos casos conseguindo— tantas cidades.

E así poderiamos seguir ad infinitum, enumerando reivindicacións e oportunidades ante as que os marinenses acabamos, demasiadas veces, por pasar de todo.

Hai un par de exemplos recentes que me parecen especialmente significativos.

Non vos parece curioso que se anuncie a posibilidade de que Defensa queira traer a Marín unha base de fragatas da OTAN e que un asunto, que pode afectar profundamente ao futuro da nosa ría, da actividade portuaria e da propia identidade da vila non estea presente nun verdadeiro debate cidadán?. Non vos parece sorprendente que nin sequera os partidos políticos consideren necesario levalo ao pleno municipal?. É dicir: podería producirse un cambio relevante no papel da nosa ría, da fermosa baía e no propio encaixe de Marín e a reacción política e cidadá parece ser, case inexistente. Quizais ese deixar pasar sexa precisamente o problema.

Estas últimas semanas chamoume a atención outro exemplo. É anecdótico, e coincido en que secundario fronte a cuestións como a vivenda, a sanidade, o emprego ou a Otan. Pero precisamente por iso creo que resulta interesante: porque amosa de maneira moi gráfica o que quero explicar. A fotografía acompaña este texto.

Como sabedes, propuxemos en moitas ocasións, que Marín se incorporase ós cambios que se están producindo en moitas cidades europeas en materia de mobilidade urbana. Entre eles, a promoción e pedagoxía no uso da bicicleta. Transporte alternativo que tamén forma parte das políticas de mobilidade sostible que se están impulsando en España. Por unha casualidade extraordinaria,

a EuroVelo 1 que se inicia en Noruega, atravesa Marín. Que gran honor compartir con tantas vilas esa ruta. As rutas EuroVelo, impulsadas a escala europea, pretenden precisamente favorecer unha rede ciclista que conecte territorios e cidades e que converta a bicicleta nunha alternativa real para a mobilidade e tamén nun recurso turístico.

Pois ben: en Marín, a EuroVelo desde Bueu, entra por Aguete polas praias por un carril bici que leva anos sen recibir a atención que necesita. O seu estado é, cando menos, deficiente. Pero o máis sorprendente é o que aparece na fotografía que acompaña este texto. A sinalización conxunta coa colocada da EuroVelo 1 indica aos ciclistas que deben desmontar da bicicleta. Surrealista. En centos de rutas cicloturistas que temos percorrido no mundo, nunca vimos un contraste tan sorprendente.

Resulta difícil atopar unha metáfora máis perfecta. Temos unha infraestrutura europea que atravesa o noso territorio. Temos unha oportunidade para conectar Marín con outras localidades, atraer cicloturistas, reivindicar espacios, favorecer unha mobilidade máis sostible e poñer en valor o noso litoral. E a nosa resposta é un sinal que lle di ao ciclista: baixe da bicicleta e siga a pé.

Mentres tanto, continúa sen resolverse ese "embudo" no desvío cara ás praias, á altura do antigo Hospital da Escola Naval Militar —hoxe residencia—, un problema que leva anos sendo sinalado. Non é, evidentemente, o maior problema de Marín. Pero si é un bo exemplo. Porque o problema non é que non teñamos oportunidades. O problema é que, demasiadas veces, non parecemos ter a ambición nin a capacidade política para aproveitala. Marín é un coto privado de dúas institucións que so buscan ter a Vila o seu servizo, ante a pasividade xeral.

E isto enlaza directamente cun dos maiores problemas que ten hoxe Marín: a perda de poboación.

Os datos que manexan os portavoces municipais sobre a caída demográfica —case 2.200 habitantes menos nos últimos vinte anos (8% do total)— son preocupantes. Tamén o é a saída de persoas cara a municipios veciños, con Pontevedra recibindo un goteo continuo de cidadáns da Vila. Pero o realmente preocupante non é cantas persoas perdemos. É, quen estamos perdendo.

Se as persoas que marchan son maioritariamente xente nova, en idade de formar unha familia, o problema demográfico multiplícase. E se, ademais, unha parte significativa desas persoas pertence a segmentos de renda media ou alta, existe tamén unha consecuencia económica: diminúe a renda media da cidade e, con ela, parte da capacidade de xerar actividade económica e ingresos fiscais.

Por iso, creo que Marín necesita algo máis que xestionar a perda de poboación. Necesita política. Necesita capacidade para identificar oportunidades, formular proxectos ambiciosos, utilizar ben os investimentos e, sobre todo, xerar debate. Necesitamos un consenso colectivo de que Marín queremos dentro de dez, vinte ou trinta anos. Necesitamos preguntarnos e definir nós, que queremos facer coa nosa ría, co noso litoral, coa mobilidade, coa vivenda, coa sanidade, co porto, coa actividade económica e coa relación coas localidades veciñas. E necesitamos tamén unha cidadanía que non se conforme con que as cousas simplemente sucedan. Porque o futuro dunha cidade non está so nas grandes obras, no PXOM ou na Festa Corsaria, tamén se decide nun carril bici que se deixa deteriorar durante anos. Nunha residencia que non se reclama. Nun centro de saúde cuxas listas de agarda se aceptan como inevitables. Nun proxecto urbano que nunca chega a formularse. Ou nunha oportunidade europea que acaba nun sinal que lle di ao ciclista que se baixe da bicicleta.

Quizais o problema de Marín non sexa que non teñamos potencial. Quizais o problema sexa que non estamos exercendo suficiente presión política para convertelo en realidade.

E se non mudamos esa dinámica, o proceso de empobrecemento competitivo como cidade, continuará no tempo.

 

 

 

roslev