Carriola.Dep.Prov.15.11.26
A Deputación de Pontevedra pecha o próximo 30 de novembro o prazo de solicitudes da liña de axudas para financiar bens e servizos en campionatos e eventos deportivos. A convocatoria está dotada de 370.000 euros tras unha suba de preto do 70% dos fondos debida á súa ampla demanda, xa que o crédito inicial de 220.000 euros esgotouse cinco meses antes da data de finalización do prazo.
As axudas contan con dúas liñas, unha dedicada a bens que se lles entregará ás persoas participantes e outra aos servizos necesarios para a correcta organización e desenvolvementos dos eventos. A liña de bens contempla o financiamento de medallas, trofeos, equipamento deportivo básico como camisetas conmemorativas ou material de promoción relacionado co evento, tales como mochilas, bidóns, gorras ou pulseiras. Pola outra banda, a liña de servizos abarca desde a asistencia sanitaria, os servizos médicos e ambulancias, ata a vixilancia, o control de accesos, a montaxe e desmontaxe, a cronometraxe e arbitraxe ou os servizos de difusión e comunicación. A axuda máxima a cada colectivo ascende a mil euros.
A Deputación apoia estes eventos co obxectivo de reforzar e optimizar o seu apoio aos clubs e entidades deportivas organizadoras de campionatos e eventos deportivos na provincia, tendo en conta ademais que estes son un vehículo fundamental para promover o deporte e a imaxe da provincia de Pontevedra, así como para contribuír a elevar o nivel competitivo das entidades deportivas e dos deportistas, servindo en moitos casos de impulso para deportistas de base e practicantes de deporte en xeral.
200.000 € para bens e servizos de actividades das asociacións veciñais e de mulleres rurais
Tamén o próximo 30 de novembro a Deputación de Pontevedra pecha o prazo para que as asociacións de veciños e de mulleres rurais soliciten a nova liña de axudas, dotada de 200.000 euros, para que estes colectivos poidan adquirir bens e servizos destinados a distintos tipos de actividades. As accións deben estar abertas á participación da veciñanza, desenvolverse na provincia durante este ano e ter carácter social, participativo, cultural ou de dinamización comunitaria.
As actividades poden consistir en obradoiros ou accións formativas que promovan a aprendizaxe práctica e a adquisición de coñecementos de interese social e comunitario, en actividades de promoción da saúde ou do benestar nas que se fomenten hábitos de vida saudables e o benestar físico e emocional, así como cursos de primeiros auxilios e riscos domésticos, actuacións de sensibilización ou dinamización comunitaria en materia de igualdade, medio ambiente, participación cidadá ou memoria colectiva, e por último con actividades interxeracionais.
Dúas liñas de financiamento
A convocatoria estrutúrase en dúas liñas de financiamento. A primeira está destinada á adquisición de bens funxibles e material necesario para o desenvolvemento das actividades, e a segunda permite financiar servizos externos vinculados á organización e execución dos eventos, como honorarios de profesionais, servizos técnicos ou alugueiro de espazos e equipamento. O importe máximo das axudas é de 1.000 €.