Membros da Plataforma de vecinos afectados asistirán á sesión á espera de que a Xunta anuncie compromisos concretos
Carriola.Redacción.14.07.21
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, acudirá ao Pleno do Parlamento Galego convidada polo BNG que ten previsto preguntarlle ao Conselleiro de Sanidade directamente sobre as medidas para garantir o persoal e a asistencia sanitaria digna no Centro de Saúde de Seixo ante o anuncio do Sergas de non cubrir todo o persoal do consultorio de xeito permanente.
A portavoz da plataforma Iria Aboi indica que os veciños apoianse na masiva mobilización que as catro parroquias da contorna de Seixo fixeron o pasado venres e hoxe pola tarde asistirán ao último Pleno do Parlamento antes das vacacións de verán. para presenciar o debate e escoitará de primeira man as explicacións que dará o Conselleiro de Sanidade ante a pregunta do BNG agardando que dunha vez, a Xunta poña enriba da mesa compromisos claros e por escrito.
Aboi insiste en que “Os máis de 3.500 veciñas e veciños que participaron na manifestación, “non se fían do que dixo o xerente e repiten desde o goberno municipal de Marín porque sobran exemplos de recortes en centros de saúde como o noso e non queremos chegar ao 15 de agosto e atoparnos coa praza dun dos médicos que marcha por xubilación e a do outro que marcha de vacacións sen cubrir, e que aproveiten para mandarnos a todos a Marín.”
Critica tamén no seu comunicado que “non é entendible que volvan antes as verbenas que a atención presencial ao Centro de Saúde de Marín porque hai problemas moi serios na atención sanitaria á veciñanza de Marín que quixemos abordar, primeiramente, no pleno do concello coa presentación dunha moción; Ter persoal estábel e servizos novos como fisioterapia ou pediatría no noso centro de saúde serviría para desconxestionar o Centro de Saúde de Marín, pero o equipo de goberno e a Alcaldesa Ramallo votaron en contra. Deberían reflexionar, farían ben en poñerse do lado das reivindicacións da veciñanza”.
Finalmente Iria Aboi agradece ao BNG a intervención de hoxe no Parlamento a anuncia que seguirán as mobilizacións “para evitar o desmantelamento destes servizos básicos na nosa zona porque, veciñanza do rural, temos dereitos e imos defendelos, que non pensen na Xunta e o Concello que nos van calar.” De feito, anuncian para as vindeiras semanas a intención de chegar tamén á Deputación e a Valedora do Pobo, así como outras accións de protesta.