Carriola.Julio Santos Pena.16.07.21
No día de hoxe, festividade da Virxe do Carme, desde esta Carriola de Marín queremos facer unha homenaxe ás xentes do mar de todos os tempos e lembrar, de xeito especial, aos mariñeiros que sufriron, desde sempre, o durísimo traballo a bordo dos barcos pesqueiros nos que laboraban na cuberta, comían na cuberta, facían as súas necesidades pola borda e durmían uns minutos, entre lance e lance, nas bodegas, moitas veces cheas de ratas e cucarachas, en catres inmundos nos que nunca faltaban pulgas e chinches, nos que tiñan que meterse por unha escotilla da cuberta para caer directamente cos pes no catre, ao que habían de aportar o seu propio colchón… Colchón?, qué colchón? se non era máis cunha bolsa de follato do millo sobre o que descansaban o esgotado corpo, empapados moitas veces sen remedio e, se cadra, despois de comer ou cear na mesmísima cuberta cunha fonte de caldeirada no centro para todos que, moitas veces, recibía directamente a auga do mar que saltaba pola borda e engadía máis miseria a aquela esforzada vida. Horas e máis horas de frío e humidade só protexidos por aquelas roupas de auga que non eran máis que pezas de tea ás que, as mulleres, engadían un aceite de brea para tratar de impermeabilizalas e que resistiran a marea o mellor posible.

E, chegar á lonxa cada dous ou tres días de marea, botar o peixe en terra, e volta a sair para o mar sen ter, case nunca, tempo de ir á casa ata a chegada do quincenal que supoñía un par de xornadas en terra como premio a aquela esforzada vida o que, moitas veces, traducíase na convivencia de mariñeiros de taberna en taberna, con ansia de olvidarse dos avatares cotiáns.
E lembremos tamén aos mariñeiros da baixura que navegaban a remo nas dornas, xeiteiros e traineras, sen máis forza que a dos seus brazos e sen máis defensa que o seu propio corpo frente ás inclemencias do tempo e do mar. ¡Que vos vou decir eu que non saibades, xentes do mar, os que lembrades, moito mellor ca min, aquela vida!

Xente do mar “en terra”: As mulleres
E, se os homes daquela levaban semellante vida e o facían con resignación propia da vocación mariñeira ou por pura necesidade, hai que falar tamén da xente do mar “en terra”, quero decir, das mulleres, nais de familia case sempre numerosa, ás que lle tocaba facer de nai e pai a cotío e, sobre todo, cando a desgracia caía sobre as familias en forma de naufraxio, cousa que era bastante frecuente.
Aquelas mulleres eran, sen sabelo nin pretendelo, heroínas doutro mundo, sen lugar a dúbidas. Coa necesidade de alimentar, vestir e atender aos seus moitos fillos e tamén aos vellos da casa que, xeralmente, permanecían con elas ata o seu definitivo pasamento, moitas tiñan que traballar arreo para poder, como agora se dí con moito lamento, “chegar a fin de mes”.

Algunhas pasaron moitas horas de cada día nas chabolas ou na tarefa de remendar os aparellos con exquisita precisión, como redeiras a pé de muelle, baixo os fríos, calores e chuvias, situacións, para moitos, seguramente insoportables.
Outras buscaron nos areais da barra en Lourizán, coa auga ata a barriga, aproveitando as mareas axeitadas, tanto no verano como no inverno, ameixas e berberechos con primarias técnicas de marisqueo que, moi boas para a saúde, non eran.

E moitas, as máis, deixaron na lonxa as forzas da súas vidas cargando aqueles enormes pesos das caixas de peixe ou polbo sobre as cabezas, ata deixar valeiros os barcos e indo dun a outro para gañar catro patacos cada noite.
Ou as que, a calquera hora do día ou da noite, eran reclamadas polas sirenas das fábricas de conservas para que se incorporasen axiña á elaboración das sardiñas, chinchos, mexilóns ou berberechos, en xornadas tremendamente longas, e soportando de pé a dor das máns, deformadas e xa case inertes, polo frío daquela permanente humidade, sempre vixiadas de cerca polos capataces aos que non lles valían excusas de ningún tipo para xustificar calquera causa de baixo rendemento.



E inda tiñan o valor de adicar o resto do día e da noite aos seus, tratando de compensar a pobreza co agarimo, co cariño para todos, á espera da chegada do home que, moitas veces, amosaba na casa a frustración dunha vida de sacrificio e resignación, afogada no cansancio ou tamén no alcohol, na percura da abstracción da súa condena. “Miña nai / como era pobre / non tiña pan que me dar / enchíame a cara de bicos / e reventaba a chorar”, coñecida estrofa galega coa que a poetisa describiu, con certeza e con grandeza, en catro versos, o sentimento e a anguria de nais e fillos daquel tempo.
Xente do mar na Defensa
Temos tamén en Marín a presencia da Escola Naval, centro onde se formaron milleiros de rapaces xóvenes e onde serviron, cando era obligatorio ou despois como profesionais, moitísimos homes e mulleres. É outra vertente do que son as “xentes do mar”. Os barcos militares levan polo mundo homes e mulleres que loitan pola defensa do país, que hoxe atópase moi lonxe das propias fronteiras, e pola paz, e tratan de axudar a ese enorme e incesante continxente de desesperados que, deixando atrás os seus países de orixen, en guerra o na miseria máis extrema, atravesan o mar na percura doutras oportunidades no descoñecido e, nese trance, cada día perden a vida centos deles afogados nas frías augas de calquer mar. Marín ten desde hay máis de 75 anos a Escola Naval de tanta importancia dentro do mundo dos homes e mulleres que puxeron no mar a vida vocacional e profesional.
Xentes do mar polo mundo
E aínda habemos de ter en conta a un continxente nada pequeno de mariñeiros que tomaron o rumbo da navegación mercante. Sobre todo, aqueles que, nos mediados do pasado século, foron polo mundo buscando praza para gañar o sustento dos seus sen poder disfrutar da familia. Meses e máis meses, anos enteiros ou máis, encadeando contratos de embarque mentras ían perdendo o cósmico dereito e a maravilla de ver medrar aos seus fillos e fillas ao seu carón. Co esforzo da súa ausencia, axudaron a recuperar a economía deste país que, durante moitos anos, tivo neles o principal ingreso de divisas, e decir, de cartos chegados do extranxeiro que melloraban sensiblemente o capital nacional español. Pois fagámolos hoxe presentes tamén na nosa lembranza e agradecemento.

Xentes do mar, en suma, homes e mulleres, que fixeron e fan, coa entrega sen límites do seu propio ser, un mundo mellor para os seus e, en xeral para todos, conseguindo que as xeneracións seguintes vivamos noutra dimensión e, tanto así, que, calquera cousa das que acabo de relatar, poden parecer historias para non durmir a moitos “de hoxe”, ainda que tamén, moitos e moitas dos que ledes este relato, sabedes ben do que falo e de como foi a historia dos homes e das mulleres do mar en xeral, que merecen éste e outros homenaxes pola súa dedicación, a súa entrega e o seu facer, polo que ía a ser un futuro que hoxe disfrutamos nós, ainda lamentándonos por vivir nun tempo que pensamos malo, pero que non é nin minimamente comparable con aquel de hai, tan só, pouco máis de medio século, vivido polos nosos antergos e non tan antergos, porque ainda están moitos dos que sufriron aquelas circunstancias.
Estamos a tempo de facer boa lembranza das nosas xentes do mar e pedir por eles e por elas á Virxe do Carme na que hoxe 16 de Xullo celebramos a súa festa.
