Entenden que hay perigo de que, dende o día 15, Seixo quede cunha atención médica de 4 horas e mil vecinos desprotexidos
Carriola.Iria Aboi (*).03.08.21
Esta semana a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, convoca asembleas veciñais polas parroquias para informar da situación do Centro de Saúde de Seixo neste momento, así como dos graves recortes na atención sanitaria á veciñanza previstos para o 15 de agosto polos recortes en persoal da Xunta e, tamén, das mobilizacións de resposta que a Plataforma ten previstas.
Asembleas
A primeira asemblea terá lugar hoxe martes, 3 de agosto, no souto do Campo seguíndolle o mércores 4 na Casa da Cultura en Ardán, o xoves 5 na Casa da Cultura de Santomé e o venres 6 na Casa de Cultura de Seixo. Todas as xuntanzas veciñais se realizarán en espazos abertos e mantendo todas as medidas de seguranza contra a Covid 19 de máscaras e distancia interpersoal.
Catro horas de atención médica
Dende a Plataforma denunciamos que Atención primaria da Área Sanitaria Pontevedra-O Salnés comunicou ao Centro de Saúde que a partir do 15 de agosto, só haberá catro horas de médico para o cupo do facultativo que vai de vacacións, isto quere dicir que o resto do tempo non haberá ningún médico no consultorio e que arredor de mil persoas do outro cupo e a poboación turista non terán garantida a atención sanitaria. A estas 1000 persoas, ningún profesional médico lles van facer seguimento e control das súas doenzas; ninguén lles vai poder solicitar probas diagnósticas se as precisan, nin ninguén lles vai poder dar os resultados daquelas probas que teñan feitas. Como van poder ter unha atención sanitaria se non van ter dereito a unha consulta?. Que vai pasar coa poboación turista que tampouco terá posibilidade de solicitar unha cita?.” Ademais o resto da veciñanza do outro cupo vai ter 4 horas de médico cando antes tiñan un médico a xornada completa. É este o xeito de garantir a atención sanitaria que anunciou o Conselleiro?
Isto xa levamos tempo advertíndoo. O Conselleiro, o xerente e a alcaldesa anunciaron que o Centro de Saúde non ía pechar, pero de que nos serve telo aberto así, se non hai médico que nos atenda? Tanto no Parlamento como no Concello, preguntóuselles quen ía substituír o 15 de agosto tanto ao médico que se xubilaba como ao médico que collía vacacións, e non contestaron, de xeito consciente e deliberado, para enganar á opinión pública e que a xente se confiase. Agora queren que sexamos nós quen suframos as consecuencias.
Novas mobilizacións
Se aplican estes recortes terannos na rúa. De feito, xa se están a repartir carteis para colocar en xanelas, escaparates e portais para defender persoal estable e servizos en Seixo que tamén se distribuirán nas asembleas. Dende a Plataforma entendemos que dende a Xunta queren vender isto como normal do verán pero é estrutural e vai camiño de deixarnos sen o servizo que tiñamos ata o de agora en Seixo, deteriorando a saúde da comunidade. Estamos a falar de saúde e persoas non de números e estatísticas, e non imos agardar a que pase algo grave para saír á rúa.
(*) Portavoz da Plataforma veciñal