Queixanse da negativa da directora asistencial a manter una reunión e de que o PP non apoia, supostamente, á veciñanza
Carriola.Redacción.12.08.21
Unha vez máis, a portavoz da Plataforma veciñal de Seixo remite unha nota de prensa sobre a posición da Plataforma Veciñal que ven reivindicando a continuidade do Centro de Saúde de Seixo non fiándose das declaracións feitas en contra desa intención pola propia Xunta de Galicia. A continuación reproducimos íntegramente o contido textual de dita nota remitida pola portavoz do colectivo Iria Aboi:
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, fai “un chamamento” á veciñanza de todo o Concello á Concentración que terá lugar mañá, xoves, 12 de agosto, á partir das 19h diante do Concello de Marín, mentres se celebra o pleno municipal, para “protestar contra os recortes na atención sanitaria e presionar para que haxa as contratacións de persoal necesarias no Centro de Saúde por parte da Xunta.”
A situación do consultorio de Seixo xa é moi grave. Antes tiñamos dous facultativos, atención presencial e non había espera de días para citas. Neste momento só temos un facultativo no Centro, que se fai cargo dos dous cupos como pode. As persoas do seu cupo agardan de 2 a 4 días pero os do outro, dende comezos de agosto xa os están citando para setembro, porque a partir do 15 de agosto só haberá catro horas de médico para un cupo e máis de 1000 persoas quedarán sen nada. Isto é intolerable. E quen consegue cita está a pedir que lle carguen máis receitas para non quedar sen elas, pero hai moita xente que non ten cita e nas farmacias de Seixo e Ardán están moi preocupados porque non saben como van dispensar sen receita a medicación que centos de pacientes precisan durante tantas semanas, especialmente dos tratamentos máis caros.
En Marín a cousa non está mellor. Calquera pode mirar as longas colas para pedir unha cita e tampouco están contratando o persoal necesario para o funcionamento normal do Centro, nunha vila de case 25.000 habitantes. Nese sentido, estamos tendo queixas tremendas, temos un caso que tivo que ir ao Centro de Saúde de Marín para facer unha placa por posible rotura ou fisura nun pé, e dixéronlle que tiña que agardar un mes a que informe o especialista dende Montecelo, por falta de persoal, e aínda que pediu cita para o médico de cabeceira en Seixo non lle dan antes do 15 de agosto. A partir desa data o seu cupo queda sen atención médica. Ante esta situación, dende a Plataforma pedimos á veciñanza de Marín que se sume á concentración, porque toda a veciñanza do Concello estamos a padecer os recortes e se non nos movemos irán a peor.
Lamentamos tamén que o xerente escollese as datas de maior colapso da atención primaria para marchar de vacacións e que desde a semana pasada a directora asistencial que o substitúe non nos recibise antes de que se apliquen os novos recortes previstos para o 15 de agosto e nos deixen a máis de mil persoas sen posibilidade de solicitar unha consulta médica. Sobre o Pleno de mañá e a moción do PP, sinalamos que é curioso que presenten unha moción a última hora, lavándolle a cara aos recortes para non molestar ao seu partido en Santiago. Moito nos tememos que se presentan a súa moción non voten a favor da moción da Plataforma. É triste que o goberno municipal mire para outro lado coa situación que se vive nos Centros de Saúde de Marín e Seixo. Se non estivesen todo o día entre despachos e fotos, e falasen máis coa xente, igual se enteraban do que pasa. Aínda teñen a posibilidade de sumarse ás reivindicacións defendidas amplamente pola veciñanza das parroquias apoiando a moción da Plataforma no Pleno. Miraremos se escollen a veciñanza e a sanidade pública ou o seu partido e os recortes.