O Pleno acordou iniciar o expedente co que se rendirá homenaxe ao famoso historiador respondendo á iniciativa do Club de Opinión Portocelo
Carriola.C.A.10.09.21
Antonio Blanco Freijeiro puxo -e aínda pon- o nome de Marín no máis alto do estudo da Historia e a Arqueoloxía. A súa figura supón un gran orgullo para a nosa vila e grazas ao seu legado a día de hoxe pódense celebrar unhas xornadas, as Blanco Freijeiro, que reúnen a estudosos e interesados nestas materias ano a ano.
A comezos de ano, o Club de Opinión Portocelo, rexistrou unha proposta no Concello para nomear ao historiador como fillo predilecto do municipio. Esta proposta foi arroupada polas firmas doutros colectivos socioculturais como o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación Cultural Ronsel de Seixo, Queremos Galego, a Asociación de antigos alumnos do Instituto Laboral de Marín, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Almuíña e a Asociación Evanxélica Kalos.
Requisitos previos
A concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, na súa intervención no Pleno, indicou que existen varios requisitos que se deben cumprir para iniciar a tramitación deste expediente. Como é lóxico, é preciso que a persoa proposta sexa natural de Marín e deberase realizar un compendio de información e de recompilación dos datos e antecedentes que ten o Concello da figura proposta.
Despois, terá que ser un xuíz quen formule a proposta de nomeamento, que pasará a estar exposta públicamente na Casa Consistorial durante 15 días. Finalmente, elevarase a proposta de novo ao Pleno para poder sacala adiante, para o que é preciso o voto favorable das dúas terceiras partes da Corporación ou a unanimidade.
A concelleira quixo destacar o importante labor que levou a cabo Blanco Freijeiro durante a súa época vital e o enorme legado que aínda hoxe mantén viva a paixón entre moitos polas artes e as ciencias sociais”.
Pequena biografía de Antonio Blanco Freijeiro (Marín, 1923 - 1991)
De profesión, arqueólogo, Freijeiro estudou Filosofía e Letras nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid, doutorándose en Filoloxía Clásica por esta última universidade.
En 1947, viaxa a Oxford para ampliar os seus estudos cunha bolsa Conde de Cartaxena da Academia da Historia. Á súa volta a España, exerce como profesor adxunto de Arqueoloxía en Madrid. Posteriormente, recibe unha bolsa da Fundación Alexander Humboldt coa que estuda en Heidelberg e Bonn.
En 1959, ocupa a cátedra de Arqueoloxía, Epigrafía e Numástica da Universidade de Sevilla e é nomeado en 1966 vicedecano da Facultado de Filosofía e Letras. Foi tamén director da Academia Española en Roma de 1967 a 1969, ano no que volve a Sevilla.
1974, trasládase á Universidade Complutense de Madrid como catedrático de Arqueoloxía clásica. Desenvolve numerosos proxectos arqueolóxics e funda, xunto a Javier de Fouce, a revista científica Habis.
Membro do Instituto Arqueolóxico Alemán de Berlín e, desde 1977, da Academia da Historia, foi director xeral de excavacións e autor dun catálogo de escultura do Museo do Prado, realizado en 1957 con Manuel Lorente Junquera.