Carlos Hervés Beloso recibirá a Medalla de Investigación no acto solemne que terá lugar o día oito de outubro
Carriola.Redacción.30.09.21
A Real Academia das Ciencias fixo onte pública a designación dos premios “Medallas de Investigación” a cinco científicos galegos en activo das Universidades Galegas entre os que se atopa o ilustre marinense Carlos Hervés Beloso. Segundo indica a propia RAG, “Esta distinción recoñece na súa terceira edición traxectorias senlleiras en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos”.
Unha traxectoria impresionante
No texto do comunicado da RAG destácase a traxectoria de Carlos Hervés (Marín 1953) que é catedrático desde 1989 e exerce como docente e investigador desde 1975, ano en que se licenciou en Ciencias Matemáticas na Universidade Compostelana con premio extraordinario. Na mesma referencia aos méritos do marinense sinalan que, “Completou estudos de doutoramento na Universidade de Nancy (Francia) que finalmente obtivo USC con premio extraordinario en 1979. Tras cursar estudos posdoutorais en Trinity College e University College Dublin (1979-1980) incorporouse ao Colegio Universitario de Vigo onde se interesou polos traballos de G. Debreu (Premio Nobel de Economía en 1984).
Foi invitado por Andreu Mas-Colell como visiting scholar no departamento de economía da Universidade de Harvard onde seguiu o curso de doutoramento de Andreu en microeconomía (1989). Foi catedrático en comisión de servizos na Universidad Carlos III. A continuación, regresou á UVigo. Desde 1988, todas as súas publicacións céntranse na teoría económica e foron recollidas en revistas como Economic Letters, Journal of Economic Theory, Games and Economic Behavior, Journal of Economics, Economic Theory, Journal of Mathematical Economics, etc. Dirixiu unha ducia de teses de doutoramento e participou en tribunais en España, Francia, Portugal, Italia, Alemaña e Reino Unido. Carlos Herves foi nomeado en 2011Fellow da Society for Advancement of Economic Theory e en 2012 membro de honra da Sociedad Española de Economía. Actualmente, é o director do centro ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e coordinador do grupo de investigación RGEAF (Research Group in Economic Analysis, Accounting and Finance).
“Nunca he dejado de aprender”, declara
Hervés Beloso facendo gala de inxustificada humildade, declara no texto de referencia do seu premio “Si algún mérito pudiera tener realmente, ese será el de una larga trayectoria como docente y como investigador. He tenido la suerte de disfrutar de mi labor como profesor, porque nunca he dejado de aprender. Me siento especialmente orgulloso de mis discípulos, de aquellos que han iniciado su carrera investigadora con una tesis doctoral que en su momento dirigí, que pronto se convirtieron en mis coautores y que, hoy en día, tienen una exitosa carrera académica”
A celebración da ciencia
Con Carlos Hervés recibirán tamén similar distinción Carmen Álvarez (Bioloxía e Ciencias da Saúde); Luis Castedo Ribas (Ciencias Técnicas); Manuel Eulogio Ladra González (Matemáticas Física e Ciencias da Computación) e María Antonia Señaris Rodríguez (Química e Xeoloxía).
A entrega das medallas, segundo indica a propia RAG, “terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro no Colexio de Fonseca en Santiago no que tamén se homenaxeará como Científica Galega do Ano a figura de Jimena Fernández de la Vega, pioneira da xenética médica en España. A celebración do Día da Ciencia en Galicia promove a posta en valor da traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.
Popular satisfacción
Nin que decir ten que a nova do premio que pola súa traxectoria científica acadou o noso paisano Carlos Hervés Beloso foi acollida en Marín con gran satisfacción pois no seu pobo natal existe moito aprecio por éo e pola súa familia ascendente por ambas ramas non en van Hervés e Beloso son dous apelidos de histórica raigame nesta vila. Noraboa, pois e Carriola de Marín únese ás felicitacións e recoñecementos que estará recibindo por tal premio profesional.