Carriola. Iria Aboi Ferradás (*). 21.10.21
Despois da multitudinaria cadea humana do pasado domingo, desde a Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, denunciamos que a Xunta segue a maltratar a veciñanza das parroquias con 4h horas de médico en Seixo, ante a ausencia do único facultativo do centro.
Esta semana o Dr Galiano – único facultativo no Consultorio de Seixo, despois de que non se cubrise a xubilación do Dr. Martín – non está e, no seu lugar e a Xunta manda 4 horas de médico como xa ocorrera cando o Dr Galiano collera vacacións do 15 ao 31 de agosto, o que aumentará os tempos de demora no Centro de Saúde que xa estaban en 20 días para unha cita, a pesar dos esforzos do persoal do consultorio.
Púxose en circulación un bulo de que viña outro médico a Seixo, para que a xente pensase que o problema xa estaba amañado, pero o certo é que estamos peor que antes da cadea humana.”Este facultativo que comezou o luns 18 en Seixo tivo que prolongar o seu traballo, máis alá das 4 horas marcadas por contrato para poder atender a veciñanza que estaba citada. Isto é intolerable. Maltratan o persoal e maltratan os pacientes, e a xerencia non quere enterarse que esta situación leva a que o persoal abandone e marche a lugares onde os tratan mellor e con mellores condicións de traballo. De feito, preguntados polas declaracións de Fernández Arruti, Directora Asistencial da Area Sanitaria Pontevedra-o Salnés, consideramos unha pena que só dea entrevistas aos medios de comunicación e que non se atrevese a darnos unha xuntanza en agosto, antes dos recortes de 4h na segunda quincena, cando o xerente estaba de vacacións e ela quedou ao mando. Xa hai tempo que as persoas ao frente da área sanitaria deberían estar cesadas.
Responsabilizaos á Xunta desta situación; temos un goberno insensible aos recortes na sanidade que eles mesmos provocaron. Son insensibles coas traballadoras e traballadores e tamén coas persoas usuarias da sanidade pública porque seguen recortando no máis necesario que é a protección da saúde. Así mesmo temos que criticar ao goberno municipal da Alcaldesa María Ramallo afirmando xa que o éxito da mobilización veciñal en forma de cadea humana volveu deixar o pasotismo do goberno municipal en evidencia.Enteraríase a nosa Alcaldesa de que cobren a ausencia do único médico que temos con 4 horas? É este o resultado do moito que traballa a alcaldesa?. Se despois de 3 meses e tantísimo traballo hai 4horas de médico... igual é que non hai nin traballo, nin xestións, nin nada, como pasou co peche de Abanca da súa sucursal en Seixo.”
A mobilización do domingo non vai ser a última e con propaganda, bulos ou aburrindo á veciñanza non se vai solucionar o problema. Queremos que cesen os recortes, que cubran o persoal que tiñamos antes do 15 de xullo e unha atención sanitaria digna no noso Centro de Saúde, do contrario voltaremos pronto á rúa.
(*) Iria Aboi Ferradás