Carriola. Redacción. 29.10.21
En un comunicado recibido ayer tarde en Carriola de Marín, los vecinos firmantes aseguran que “A Comunidade de Montes de Ardán convoca unha reunión ilegal para aprobar o parque eólico”
Transcribimos íntegramente el comunicado que nos remiten vecinos de Ardán alertando de una posible convocatoria ilegal de la Comunidad de Montes de la zona:
Nas últimas dúas semanas, as veciñas e veciños de Ardán estamos no foco mediático polo proxecto de instalación dun novo parque eólico no Morrazo, que afecta a terreos da nosa parroquia. Xusto na semana na que se resolveu desestimar o proxecto de Pedras Negras, preséntase o sábado 16 de outubro na Comunidade de Montes de Ardán, da man da multinacional Grupo ACS, un novo proxecto eólico que implica 11 aeroxeneradores de grandes dimensións en terreos das parroquias de Ardán, Ermelo e Cela.
Para sorpresa de toda a veciñanza, o pasado martes 26 de outubro, tivemos ocasión de enterarnos a través da prensa de que o vindeiro sábado día 30 a Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Ardán pretende realizar unha reunión extraordinaria, co único punto na orde do día de votar a instalación ou non de dous aeroxeneradores no monte comunal de Ardán.
Ante tal información, así como tras a negativa do Presidente da Comunidade de Montes a aportar máis información sobre o proxecto, a veciños da parroquia que lla solicitaron, vémonos na obriga de denunciar públicamente esta situación. A día de hoxe, sen máis información que a aportada verbalmente polo suposto representante da empresa e polas declaracións realizadas polo presidente da comunidade de Montes en medios de comunicación, estásenos pedindo participar nunha votación na que se decidirá a cesión ou non dos nosos terreos comunais, por un período de tempo de 30 anos prorrogables.
Segundo expertas consultadas, a convocatoria non respeta condicións formais mínimas xa que non existe notificación por escrito aos/as comuneiros/as ademais doutros defectos de forma, tal e como reclama a Lei galega de montes veciñais en man común.
Pero sobre todo, a devandita convocatoria non sinala o lugar, prazo e horarios nos que cada veciño comuneiro podemos consultar e examinar a documentación dos asuntos que figuran na orde do día, tal e como existe a Lei galega. Nunha estratexia que parece concertada entre a empresa promotora mais un sector da Comunidade de Montes, non só se publica a convocatoria ben avanzado o prazo mínimo de 10 días que da a lei, senón que, ademais, se furta información esencial ás veciñas e veciños, a quen non se lles permite contar coa opinión de expertos que os asesoren, ou coñecer as consecuencias xurídicas desta cesión.
A vulneración da Lei galega de montes veciñais en man común é flagrante e convirte en ilegal calquera acordo que se poida adoptar na reunión do sábado. En lugar de utilizar maniobras oscuras, ACS mais o Presidente da Comunidade de Montes deberían preocuparse de informar ás veciñas e veciños do alcance global do proxecto eólico e das denominadas áreas poligonais, que irán asociadas á construcción do parque eólico e que afectarán a terreos colindantes. Téñase en conta que o parque eólico non só implica o lugar onde se sitúa o aeroxenerador. A instalación dun muíño na parroquia de Cela pode implicar, por exemplo, que a pista de acceso afecte a terreos de Ardán, tanto de particulares como comunais, de aí a importancia de coñecer o proxecto no seu conxunto.
Moi sinaladamente se lle reclama información sobre a proposta económica feita por ACS á Comunidade de Montes de Ardán. É moi chamativo que o que empezaron sendo 3000€ por muiño de vento o sábado 16 de outubro pase a ser arredor de 9000€ segundo os últimos rumores, ademais de promesas falaces de luz gratis que so poden convencer a algúns incautos e incautas. As veciñas e veciños queren ver un compromiso firme e por escrito non so sobre as contraprestacións económicas, mais sobre as actuacións, investimentos e reinversión no monte que levará a cabo a Comunidade de Montes de Ardán cos beneficios xerados pola cesión do monte comunal.
Por último, e como mostra da nosa preocupación ante este proxecto, convocamos a todas as asociacións, colectivos e veciñanza do Morrazo que comparta esta preocupación a unha asemblea aberta que terá lugar o vindeiro mércores 3 de novembro ás 19 h. co obxectivo de unir forzas contra este novo proxecto eólico que pretende estragar os montes da nosa Comarca.
En Ardán, a 28 de outubro de 2021