Carriola. Redacción. 29.10.21
A visita enmárcase no proxecto “Mar das Illas” e a delegación será conformada por representantes de los Grupos de Acción Local de varias rías gallegas
Entre o 26 e o 30 deste mes, unha delegación conformada por representantes dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo – A Guarda realizarán unha viaxe ao arquipélago canario como parte das visitas de estudo a outros territorios enmarcadas dentro do proxecto de cooperación Mar das Illas sobre turismo mariñeiro e pescaturismo.
A xerente do Galp desta ría, Laura Nieto, explicou que “A visita é conxunta dos tres GALPs das Rías Baixas que veñen colaborando desde o ano 2017 no proxecto Mar das Illas, explorando as posibilidades de diversificación para o sector pesqueiro e, membros das xuntas directivas e persoal técnico dos GALP así como das entidades que conforman as xuntas directivas dos tres grupos permanecerán cinco días nas illas de Gran Canaria e Lanzarote coñecendo as experiencias desenvolvidas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Gran Canaria e Lanzarote ao redor do turismo mariñeiro e pescaturismo, así como a actividade pesqueira en reservas mariñas e espazos naturais protexidos.

Obxectivo da visita
Laura Nieto engadiu que “O obxectivo da visita é coñecer modelos de xestión de espazos naturais protexidos e a súa relación coa pesca costeira artesanal e as posibilidades de diversificación dos pescadores en zonas con alto desenvolvemento turístico”. Así, engade, “Durante esta semana visitarán os Grupos de Acción Costeira de Gran Canaria e Lanzarote, así como diversos proxectos relacionados co tratamento e transformación dos produtos pesqueiros e o turismo, diferentes espazos naturais e patrimoniais relacionados co mar e a pesca, e as confrarías de pescadores de Agaete, La Graciosa, Mogán, Castillo del Romeral e Arrecife”.
Importancia de reforzar as relacións dos territorios
“Encontros como este son importantes pois reforzan as relacións entre entidades de ambos territorios permitindo compartir experiencias que repercuten positivamente tanto no sector pesqueiro como a nivel social, no conxunto da cidadanía”, afirma a xerente quen informa que “A delegación do GALP Ría de Pontevedra está conformada por dez persoas: a presidenta do GALP e patroa maior da Confraría de Lourizán, María del Carmen Vázquez; a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, o patrón maior da Confraría de Pontevedra, César Rodríguez Piñeiro, o secretario da Confraría de Bueu, José Barreiro Gómez, a vicepatroa da Confraría de Raxó, María Elena Padrín, o patrón maior da Confraría de Portonovo, Juan Jośe Besada, a presidenta da Asociación Cultural de Mulleres do Mar de Poio, Raquel Gómez Moreira, un representante da Irmandade Illa de Tambo, Miguel Ángel Aris Abilleira, a tenente de alcalde do Concello de Poio, Consuelo Besada, e a axente de emprego do Concello de Bueu, Sonia Cabodevila Portela”. Proxecto Mar das Illas
O proxecto “Mar das Illas”, promovido polo GALP Ría de Pontevedra, en colaboración co GALP Ría de Arousa, o GALP de Vigo – A Guarda, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia, ten como obxectivo promocionar o emprendemento do turismo mariñeiro e pesca turismo entre o colectivo de profesionais e os seus familiares nas Rías Baixas, especialmente no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O proxecto conta co respaldo da Consellería do Mar e está financiado polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP). A Rede Europea de Zonas de Pesca (FARNET) recoñeceu o ano pasado a Mar das Illas como proxecto de boas prácticas pola súa contribución á diversificación do sector e á posta en valor da cultura mariñeira e da biodiversidade da zona.
No marco deste proxecto foron tuteladas vinte iniciativas empresariais e puxéronse en marcha seis proxectos piloto de turismo mariñeiro e pescaturismo. Ademais, organizouse a “I Xornada Internacional sobre Turismo Mariñeiro e Pescaturismo” e realizáronse tres Xornadas Abertas á Cidadanía para dar a coñecer estas actividades. Ao abeiro de Mar das Illas, realizáronse accións formativas nas que 229 profesionais do mar puideron formarse como Guías Acreditados en turismo mariñeiro e pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Así mesmo, elaboráronse guías e protocolos sobre atención ao cliente, atención a persoas con discapacidade, emprendemento e protocolos socio-sanitarios contra a COVID-19.