Carriola.Informa Sara M.P..03.12.21
Tras as exitosas xuntanzas celebradas en Ardán (Marín) e Bueu, este sábado estaremos en Moaña, compartindo a información da que dispoñemos e explicando as reivindicacións desta plataforma.No acto intervirán, Moncho Millán, presidente da Mancomunidade de CMVMC do Morrazo. En representación de ADEGA contaremos coa bióloga Nerea Cazás. Carme Varela, da Asociación de Veciños O Outeiro de Sanamede do Monte (Concello de A Baña), explicará a experiencia desta asociación na loita contra os parques eólicos. O acto estará presentado por Tonio Nogueira, biólogo moañense, membro da Plataforma Eólicos no Morrazo NON.
Para Eólicos no Morrazo non, é totalmente inviable que nunha área tan densamente poboada como o Morrazo (90.000 habitantes) se instale un parque eólico deste calibre sen causar un enorme estrago paisaxístico, medioambiental, económico e tamén sobre a calidade de vida dos veciños e veciñas que vivimos nesta comarca.
Concretamente, a veciñanza de Moaña veríase totalmente afectada polo impacto visual destes muíños que, segundo puidemos saber, irían ubicados nos montes situados na parte alta do municipio, así como en montes pertencentes a Marín e Bueu que dan cara á ría de Vigo. Pola altura dos muíños proxectados por ACS, de preto de 200 metros, serían visibles desde a práctica totalidade da ría.
Este é un dos motivos polo que demandamos a derrogación do Plan Sectorial Eólico de Galiza, así como a retirada da ADE (Área de Desenvolvemento Eólico) do Morrazo e de calquera proxecto ou anteproxecto de instalación eólica, chámese Pedras Negras ou o actual proxecto pantasma que está sobre a mesa. A retirada da ADE do Morrazo é un paso fundamental para evitar que a cada pouco nos vexamos na tesitura de ter que loitar contra novos proxectos eólicos, que ameacen a integridade ambiental da península do Morrazo. Calquera que coñeza o monte do Morrazo, darase conta que non hai espazo físico para a instalación dun macro parque eólico como o que se pretende, sen que afecte directamente a núcleos habitados. Lugares como A Fraga, Paradela, Broullón en Moaña, Pastoriza ou Miñán en Marín ou Ermelo e os núcleos da parte alta de Cela, en Bueu, poderían quedar incluídos dentro da poligonal do parque eólico, implicando un cambio sustancial na calificación do solo.
E neste contexto, co fin de coñecer o posicionamento das diferentes institucións da comarca, solicitamos por rexistro a todos os concellos, Deputación, Xunta de Galicia e Subdelegación do Goberno que compartan toda a información, de carácter formal ou informal, que teñan sobre o proxecto. Convidámolos a expresar públicamente o seu posicionamento, que consideramos que só pode ser en contra, a través de Declaracións Institucionais de rexeitamento. Tamén, a que informen á cidadanía do Morrazo sobre as implicacións e afeccións que implicaría levar a cabo un proxecto destas características. Neste sentido, queremos aplaudir a iniciativa do BNG da comarca, que segundo nos informaron, está a presentar mocións en todos os concellos neste sentido.