Carriola.Informa Plataforma.14.12.21
Hoxe martes, 14 de decembro, ás 6 da tarde, na Casa de Cultura de Santomé (en Marín), a ”Plataforma Eólicos no Morrazo NON” xunto coa “Mancomunidade de Montes en Man Común do Morrazo”, organizamos unha charla informativa co director do Observatorio Eólico de Galicia, o profesor Xavier Simón. Tras a exitosa xornada do sábado, coa andaina reivindicativa nos montes de Pastoriza e posterior mesa redonda no “Aturuxo”, “Eólicos no Morrazo NON” continuamos coas nosas actividades de divulgación e información.
Baixo o título ”O Impacto dos Parques Eólicos no Rural Galego”, esta charla pretende dar a coñecer os impactos que a implantación dun parque eólico pode ter para o Morrazo.Para iso, acompañaranos o director do Observatorio Eólico de Galicia (OEGA). Este observatorio nace como unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia. Froito da colaboración entre a ”Fundación Juana de Vega”, a “Fundación Isla Couto” e a “Universidade de Vigo”, o obxectivo do OEGA é realizar investigacións sobre o sector eólico en Galicia co gallo transferir coñecemento entre os axentes participantes, ademais de favorecer a transparencia dos procesos de ocupación de terreos destinados a parques eólicos .
Na percura dun enfoque global
Desde a Plataforma buscamos con esta charla ter un enfoque global sobre o que está a acontecer nestes momentos coa enerxía eólica en Galicia e cómo afecta desde a perspectiva socioeconómica a entornos de ámbito rural. A charla está especialmente dirixida a membros de Comunidades de Montes, veciñanza das zonas afectadas, propietarios de terreos particulares, corporacións municipais e xestores públicos... Pero tamén aos sectores económicos e productivos da comarca, especialmente os ligados ao monte e ao goce da natureza. Actividades económicas como o turismo e hostalaría, o sector inmobiliario, actividades de lecer, actividades apícolas, forestais ou cinexéticas, que coa construcción do parque eólico vanse ver afectadas.
Sen dúbida, é unha boa oportunidade de contar con coñecemento técnico experto para resolver as dúbidas sobre a implantación de parques eólicos na comarca.